Adobe Fresco pasa a ser completamente de balde

mércores, 23 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Hai 5 anos Adobe sorprendeu presentando a súa aplicación de debuxo Fresco, que buscaba que os creativos puidesen ter unha experiencia moi próxima á de debuxar con ferramentas tradicionais valéndose de dispositivos iPad e iPhone, e finalmente esta ferramenta que revolucionou a creación artística en soporte dixital pasa a ser completamente de balde (xa que as súas funcións de pagamento están agora desbloqueadas).
Adobe Fresco ofrece a posibilidade de debuxar e pintar valéndose de multitude de pinceis, permite aproveitar as posibilidades do Apple Pencil (incluíndo as versións máis avanzadas), e basicamente achega toda unha serie de ferramentas a creadores, deseñadores e ilustradores que gocen de fluxos de traballo tradicionais e queiran expresarse a través dunha aplicación que, aparte da vantaxe de poder funcionar dentro do ecosistema de Adobe, agora é difícil de superar ao ofrecerse de balde.