Aestradadixital inaugura unha rede sen fíos que cubre a totalidade do concello

martes, 30 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Dotar ós concellos galegos de acceso á Rede con certo nivel de capacidade e a un prezo razoable pode ser unha boa ocasión para: 1º Paliar no posible o despoboamento de todo aquel anaco de Galiza que non pertence á costa ou a unha gran cidade (unha parte dos traballos do sector servizos pódense levar a cabo coa axuda dun teléfono e conexión á Internet). 2º Dinamizar a economía e o desenvolvemento social do municipio. Isto que semella un manifesto a prol da Sociedade da Información é a base sobre a que se sostén o último proxecto posto en marcha dende Aestradadixital: unha rede de acceso sen fíos (WiFi) de 1 mega de capacidade que cobre o termo territorial. Entre outras cousas e se temos en conta os datos achegados por este proxecto xurdido ó abeiro do plan Cidades Dixitais (coordinado en Galiza por Presidencia), todo isto significaría que se pode ter conexión á Internet sen necesidade de fíos dende as 52 parroquias do concello, que conta con 282 quilómetros cadrados de extensión e 473 núcleos de poboación rural.
O proxecto foi presentado este luns 29 na sala de exposicións de Caixanova, onde case tódolos implicados (o Concello da Estrada, Aestradadixital e a empresa Tecnocom, que é adxudicataria do despregue da rede) fixeron fincapé en que se trata dunha experiencia pioneira en Galiza e abondo innovadora. Ou sexa: que polo menos nun punto da nosa terra (e probablemente antes do que imaxinamos nos restantes concellos que forman parte de Cidades Dixitais: As Pontes, Vilalba, Verín, Redondela e Monforte) podemos chegar a esquecer que estamos á cola da Unión Europea en superación de fenda dixital.
Mais o traballo na Estrada foi complicado abondo, segundo manifestou Xosé Manuel Reboredo, concelleiro responsable da iniciativa: “Somos ben conscientes de que houbo retrasos, e pensamos que deben entenderse na medida en que este é un proxecto de carácter experimental”. Para Reboredo, a rede WiFi neste e nos restantes concellos de Galiza cunha ampla poboación rural (practicamente todos, en realidade) “é o gran paso para quebrar a chamada fenda dixital”.
Que facer para ter acceso á Rede
A Rede está operativa para os cidadáns da Estrada dende o martes 30 de xaneiro. Unha das súas bazas é o feito de que vai ser de balde até o 1 de xullo, data na que comezará a valer 10 euros ó mes. Os estradenses que queiran empregala terán que achegarse ás oficinas do programa, que están situadas no segundo andar do edificio de usos múltiples. Alí, segundo informan os responsables do proxecto, unicamente lles será requirida a cumprimentación dun formulario, a achega dunha fotocopia do DNI e dun documento que acredite a titularidade dunha conta bancaria. Unha vez feitos estes trámites e nun prazo de 20 días, os cidadáns recibirán nos seus domicilios a visita dun técnico que lles subministrará a antena e máis o router para conectarse á rede WiFi.
Tecnoloxías postas en xogo
A rede conta con 73 emprazamentos, a meirande parte deles situados en “espazos e en mobiliarios municipais” e 86 puntos de acceso, estando a sede de operacións no Centro de Procesamento de Datos (CPD). A tecnoloxía empregada non é única. De feito, empregáronse tres vieiros: os do WiFi, o Wimax e o Mesh. Esta tripla contribución foi debida ás complicacións técnicas do proxecto. Dito doutro xeito: A Estrada, coma case calquera outro punto da nosa terra, non é precisamente un exemplo de paisaxe chá e poboación concentrada. Pero vaiamos por partes. A tecnoloxía WiFi (Wireless Fidelity) é un sistema para habilitar unha rede de computadores sen necesidade de fíos a través do espectro radioeléctrico que emprega unha frecuencia reservada a un uso doméstico. Por dicilo así, as limitacións que pode ter o WiFi (radio de cobertura non moi longo e sen barreiras físicas) son compensadas en boa medida coa achega do Wimax e o Mesh. O Wimax, ou (en galego) Interoperabilidade mundial de acceso de microondas é un estándar sen fíos desenvolvido para afacerse ben a aqueles lugares onde é inevitable que haxa algo entre o usuario da Rede e o lugar de onde procede o sinal. A tecnoloxía Mesh (redes malladas) vén con forza nos últimos tempos e constitúe unha alternativa de baixo custo ó WiFi. É ideal para levar boa cobertura a espazos abertos coa instalación de equipos de radio en emprazamentos de certa altura, como lámpadas ou semáforos. Na tecnoloxía Mesh substitúense as celas do WiFi baseadas en estruturas Ethernet até o switch por unha rede mallada onde os ditos equipos comunícanse entre si entre cables. Unha das principais vantaxes do Mesh é que non é preciso instalar fíos dende os nodos ós computadores. En definitiva, o proxecto da Estrada requiría das vantaxes das tres tecnoloxías devanditas, apoiándose entre si, e que cada unha delas paliase os posibles defectos das outras dúas. No rural empregouse principalmente o Wimax.
Tecnocom, a empresa encargada do despregue
Tecnocom é a empresa adxudicataria do despregue. Dela forma parte dende hai uns meses a galega Softgal, consultora especializada en servizos vinculados á Sociedade do Coñecemento. No acto de presentación da rede estivo Santiago Cárdenas, director da zona noroeste de Tecnocom, para quen esta infraestrutura en concreto vai alén do que se pode entender como puramente técnico: ó seu xuízo, representa un bo exemplo de que é posible superar os retos orográficos galegos, dos que A Estrada ben pode ser un resumo. Tecnocom é unha compañía española do sector das novas tecnoloxías. Basea gran parte dos seus servizos en ofrecer tarefas de consultora, integración de aplicacións, xestión de redes e mantemento, integración de sistemas e redes, converxencia IP e seguridade. En Galiza, ten oficinas na Coruña, Santiago e Vigo.
Información rápida
· A rede vai encamiñada a dar servizo a máis de 22.000 habitantes.
· Aestradadixital é un proxecto xurdido ó abeiro de Cidades Dixitais, iniciativa da Unión Europea que na nosa terra está a ser coordinada pola Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación. Aestradadixital acadou hai dous anos o permiso da Comisión de Mercado das Telecomunicacións (CMT) para converterse en operador e achegar “servizo universal”.
· O proxecto Cidades Dixitais ten outros representantes na nosa terra: As Pontes, Vilalba, Verín, Redondela e Monforte. Os dous primeiros concellos son os que levan máis tempo en activo, facendo todo o posible por levarlles as vantaxes da Sociedade da Información a tódolos seus cidadáns.
· O investimento do proxecto da rede WiFi da Estrada é de 567.000 euros.
· A conexión é de 1 mega simétrico (1 mega de subida e 1 mega de baixada). Segundo di Aestradadixital, “a rede está preparada para ir sumando novos servizos e aumentando a velocidade”. En realidade, xa existe un acceso co provedor ONO habilitado para dar cobertura de entrada a 2.000 usuarios.

PUBLICIDADE