Agestic sensibiliza ós empresarios galegos en materia de innovación

xoves, 6 de novembro do 2008 Raquel Noya

O Delegado da Consellaría de Innovación e Industria, José Luís Barcia, mailo presidente de Agestic, José María López Bourio, veñen de presentar, esta mesma mañá, o Proxecto Difundeinnova, que promove a Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e Telecomunicación (Agestic) a prol do fomento da innovación nas pequenas e medianas empresas galegas.
O proxecto, que conta co financiamento da Consellaría de Innovación a través das Axudas I+D+i dentro do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010, pretende sensibilizar ás empresas en materia de innovación para facerlles ver aos seus responsables máximos que “é algo rendible e necesario para competir”.
Agestic pretende “difundir a importancia que ten para as pequenas e medianas empresas galegas o feito de investir en accións innovadoras de produto, de proceso ou de servizo”, a través de 33 actuacións e 160 obradoiros levados a cabo nos Parques Empresariais das catro provincias galegas en localidades como por exemplo Guitiriz, Cervo, Muimenta, Ortigueira, Curtis, Fene, Ordes, O Grove, Moraña, Lalín, Verín, Xinzo ou O Carballiño, entre outras.
O proxecto Difundeinnova lévase a cabo nunha unidade móbil para facilitarlles o achegamento a tódolos empresarios sen excepción; está equipada como unha oficina, con ordenadores e conexión a Internet, e conta cun titor experto en innovación que guía aos empresarios e técnicos que se acheguen ata alí en materia de innovación en situación de crise.
Asemade, os visitantes que visiten as unidades de Difundeinnova, recibirán un Manual Guía Básico da Innovación a fin de que poidan adoitar unha cultura innovadora e dediquen máis esforzos a esta área.
Os responsables do proxecto estiman chegar a unhas 1.000 empresas en toda a Comunidade.

PUBLICIDADE