Altia encargarase do mantemento das aplicacións corporativas da axencia turística valenciana

mércores, 11 de xaneiro do 2017 Redacción
JPEG - 31.5 KB
Tino Fernández, presidente da firma galega Altia

A Agència Valenciana do Turisme, entidade competente dentro da Comunidade Valenciana en materia de política turística, vén de adxudicar á empresa galega Altia dous contratos para o subministro de servizos de desenvolvemento e mantemento dun bo número das súas aplicacións corporativas. Así nolo conta hoxe a firma galega de servizos TIC, lembrando que boa parte do labor encarregado a Altia ten que ver coa modernización das ferramentas tecnolóxico-dixitais da Agència. Máis polo miúdo, o primeiro dos contratos (Desenvolvemento de Sistemas de Información Web para o Servizo Profesional ao Sector Turístico), ten a finalidade de dar cobertura aos sistemas de información en liña que a entidade valenciana pon a disposición do sector turístico.
Terá unha duración de dous anos e abranguerá o desenvolvemento dos seguintes portais: a web de turismo institucional da Generalitat Valenciana (www.turisme.gva.es), a páxina de centros de turismo (www.cdt.gva.es), o portal de emprego (www.cdtjobs.gva.es), a web Qualitur (www.qualitur.es), o espazo dixital da canle de TV e de emisión de vídeos formativos dos centros de turismo (www.cdttv.gva.es) e o sitio para o fomento da investigación turística (www.papersdeturieme.gva.es). Segundo informa Altia, os principais obxectivos destes servizos de mantemento son “favorecer de maneira significativa a procura de información nos portais e facer posíbel a súa modernización mediante a mellora da súa navegación e do seu deseño e a dotación da característica responsive, para adaptar de xeito dinámico o contido a calquera tamaño de pantalla ou dispositivo”.
O segundo contrato, denominado Desenvolvemento e Implantación de varios Módulos Básicos e Servizos de Administración Electrónica de la Agència Valenciana do Turisme, ten o labor de favorecer o desenvolvemento de novos módulos de Administración Electrónica para adaptar os sistemas de información da entidade turística ás necesidades e esixencias en materia de dixitalización das institucións.

PUBLICIDADE