Amazon renova os seus dispositivos Kindle e Fire

xoves, 18 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O mercado dos lectores de libros electrónicos está acaparado por Amazon, pero iso non fai que teñan esta liña de produto conxelada, senón que segue moi viva, e agora presenta a súa sétima xeración co novo Kindle Voyage, o eReader máis avanzado do mercado, á vez que fai aínda máis accesible o Kindle básico, que mellora a súa velocidade, dobra o seu almacenamento interno, conta con interface de control táctil e contén o seu prezo nos 79 euros (estará dispoñible a partires do 2 de outubro en España).
Do Kindle Voyage aínda non temos data de chegada ao noso territorio (como acontece habitualmente coa renovación dos eReaders de Amazon, que inicialmente limitan a súa distribución a EE.UU. para poder atender a elevada demanda que teñen alí), pero é un dispositivo moi prometedor, que é capaz de superar ao Kindle Paperwhite en resolución de pantalla (pasando dos 212 aos 300 puntos por polgada) conseguindo á vez reducir o seu grosor (7,6 milímetros) e o seu peso (180 gramos no modelo Wi-Fi). Entre as novidades do lector destaca a función PagePress (que permite pasar de páxina sen levantar o dedo) e a nova iluminación frontal adaptativa (que achega o brillo ideal segundo sexa de día ou de noite). Este novo eReader sairá á venda nos EE.UU. o 21 de outubro a un prezo de 199 dólares.
Outro produto do que aínda non temos data en España é o novo Kindle Fire HD Kids Edition, que é unah versión dos Kindle Fire HD de 6 e 7 polgadas que inclúe unha funda protectora (en cor azul, verde ou rosa) e que non sacrifica potencia (funciona cun procesador de catro núcleos), integra un avanzado sistema de control paterno e para achegar moitos contidos sen custo adicional inclúe unha subscrición de un ano a Amazon FreeTime Unlimited (para que os cativos poidan gozar dun catálogo de 5.000 libros, películas, programas de televisión, aplicacións educativas e xogos sen custo adicional. Chegará aos EE.UU. o 21 de outubro a un prezo de 149 dólares no modelo de 6 polgadas e de 189 dólares con pantalla de 7 polgadas.
Do que si poderemos gozar en España a partires do 16 de outubro é do novo tablet Fire HD 6, que presume da súa boa relación calidade-prezo, xa que con pantalla de 6 polgadas e 8 Gb de almacenamento interno custa só 99 euros (con 16 Gb custaría 119 euros), aínda que os que prefiran unha pantalla máis grande tamén terán o tablet Fire HD 7, que custará 139 e 169 euros en capacidades de 8 e 16 Gb respectivamente, estando dispoñible a partires do 2 de outubro.
Estes novos tablets teñen procesadores de catro núcleos a 1,5 GHz e unha boa autonomía, sendo o seu punto máis feble a súa resolución de 1.280 x 800 píxeles, elemento que muda considerablemente no seu irmán maior, o novo tablet Fire HDX 8.9, que chegará o 4 de novembro a España con capacidades de 16, 32 e 64 Gb a prezos de 379, 429 e 479 euros. Estes tablets de grande potencia elevan a velocidade dos seus procesadores aos 2,5 GHz, poden funcionar cun uso mixto até 11 horas e a súa pantalla ten unha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles, de xeito que incluso mellorarían ao Kindle Voyage en densidade de puntos en pantalla, facendo que a lectura de texto tamén sexa moi agradable.
En todos estes casos estamos ante dispositivos que están orientados principalmente a consumir contidos adquiridos dixitalmente en Amazon, o que no caso dos eReders básicos resulta moi atinado, pero nos tablets leva a que esteamos algo limitados, xa que funcionan cunha versión de Android (Fire OS 4) que non conta coa riqueza de servizos e aplicacións que subministra Google.

PUBLICIDADE