Amosan o que podería ser o vindeiro redeseño da páxina web de Twitter

martes, 11 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Mashable está a dar conta dun redeseño que está a probar Twitter, e que podería lembrarnos a outras plataformas sociais como Facebook e Google+, tratándose posiblemente nun dos cambios estéticos máis profundos na historia de Twitter (no caso de producirse) e que no caso dos perfís de usuario amosa unha grande fotografía de cabeceira da que sobresae na parte inferior esquerda a fotografía do perfil de usuario baixo a que se colocaría a habitual columna esquerda de Twitter, adoptando un deseño máis plano e dando unha maior relevancia ás imaxes e ás fichas de contido. O deseño actual de Twitter presenta na súa cabeceira as opcións de Chíos, Seguindo e Seguidores, mentres que os Favoritos, as Listaxes e as Fotos e Vídeos permanecen nun lateral, mentres que con este redeseño pasarían todos os elementos á cabeceira, o que parece unha boa mellora na usabilidade.
É habitual que os futuros cambios de Twitter pasen por unha fase de proba moi reducida, para ver a súa aceptación e logo decidir se deben aplicalos a todos os usuarios, e dado que Twitter renovou o deseño da súa páxina web nos últimos días, dá a impresión de que foi só un primeiro paso de cara ao deseño que veñen de amosar dende Mashable.

O redeseño de Twitter, pese a amosar unha semellanza demasiado esaxerada ao de Facebook, parece unha boa mellora na usabilidade da páxina web

PUBLICIDADE