Android M abre a porta ao futuro móbil de Google

xoves, 28 de maio do 2015 Marcus Fernández

Esta tarde botou a andar no californiano Moscone Center o evento para desenvolvedores Google I/O, que comezou cunha grande presentación que puido seguirse en directo en todo o mundo, para adiantar numerosos detalles do que será a vindeira versión de do sistema operativo móbil de Google, coñecido polo momento como Android M, e que estrea versión preliminar para desenvolvedores e ferramentas (estréase a versión preliminar de Android Studio 1.3 e a versión 7.5 do servizos de Google Play).

Android M

Parece quedar claro que Android M vai ser unha versión centrada en pulir Lollipop, corrixindo milleiros de fallos detectados e incluíndo pequenas novidades que serán bastante recibidas como un novo xeito de administración de permisos de aplicación: agora as aplicacións xa non pedirán a confirmación dos seus permisos durante a súa instalación/actualización, senón cada vez que se faga uso por primeira vez dalgún dos seus privilexios, o que facilitará un maior control e coñecemento por parte do usuario e abrirá a porta a actualizacións totalmente silenciosas.
Tamén son salientables detalles como a incorporación de ligazóns de aplicación (permitindo a creación de ligazóns profundas en aplicacións, así como o feito de que Google poida indexar as aplicacións coma se fosen páxinas web) e un novo sistema de xestión de batería que conta cunha nova prestación chamada Doze que detecta cando o terminal está desatendido, para reducir a actividade en segundo plano nese momento, o que supón unha redución do consumo en espera substancial (nas probas realizadas os smartphones dobran a súa autonomía en espera).
Un cambio moi importante en Android M será o pulo que recibirá Google Now, que estrea Now on tap, de xeito que o sistema de buscas de Google estende as súas redes a calquera lugar do teléfono, de xeito que premendo o botón de Home dentro de calquera aplicación será posible usar o poder de Now sen abandonala e recoñecendo o seu contexto, o que fai que, por exemplo, mentres esteamos a intercambiar por correo electrónico mensaxes sobre unha película, se usamos Now on tap o sistema achegará información sobre o filme en cuestión, permitiranos ver o seu trailer e incluso facilitaranos a compra de entradas. Deste xeito a tecnoloxía de Google non só pretende ampliar os ámbitos de busca, senón que tamén dispara accións que poden facernos a vida máis doada (achegando fichas informativas, realizando reservas en liña, programando recordatorios...).
Outro detalle salientable é que dende Google iniciaron conversas cos fabricantes de móbiles para comezar a integrar os conectores reversibles USB C nos vindeiros dispositivos, co detalle de que a entrega de corrente a través destas conexións será bidireccional, de xeito que cando conectemos algo por USB C ao noso smartphone poderemos decidir se recibe carga a través do porto ou a entrega, de xeito que tabletas e teléfonos poderían operar como baterías de emerxencia (o que pode resultar de grande utilidade en certas ocasións).

Android Pay

Aínda que Google leva moitos anos co seu sistema de pagamentos co móbil, este non conseguiu trunfar, pero tras o lanzamento da solución de Apple marcouse un camiño que agora Google segue, de aí que presentasen un novo Android Pay, que vén a ser simplemente un sistema de pagamentos co móbil baseado en NFC que incluso aproveita a pegada dixital para a autorización dos pagamentos. Ao funcionar dun xeito case idéntico ao de Apple Pay iso facilita a súa implantación da grande rede de TPV que actualmente aceptan a solución de pagamentos de Apple, o que fará que Android Pay poda espallarse comercialmente a grande velocidade (agardan que en breve se acepte en máis de 700.000 tendas nos EE.UU.), quedando por ver se os consumidores adoptan masivamente esta solución de pagamentos que tamén podería aplicarse para a compra dentro de aplicacións.
Android Pay pode asociarse a tarxetas de débito ou crédito, a través de varios dispositivos Android e en milleiros de tendas e aplicacións, facendo doada a incorporación das tarxetas bancarias directamente a través das aplicacións oficiais das entidades bancarias, o que podería ser a chave do éxito desta solución de pagamento co móbil (na aplicación do noso banco poderemos elixir as tarxetas coas que realizaremos pagamentos co móbil, convertendo tal proceso en sinxelo e seguro).

Google Fotos

A aplicación de fotografías de Android é unha desas solucións que ao xurdir supón un grande cambio para o usuario, xa que contrólase dun xeito moi diferente a como facía a aplicación de Galería anterior, e esta ferramenta cambia a partires de hoxe mesmo, buscando converterse no contedor das nosas fotografías e vídeos, non só como unha aplicación no móbil, senón tamén como un servizo na nube que promete almacenamento ilimitado de balde de por vida das nosas fotografías na súa resolución orixinal (até 16 Mpíxeles) e dos nosos vídeos (a 1.080p), ou sexa, que tomaría o relevo da función fotográfica que até o momento estaba en Google+.
Fotos tamén fará doada a recuperación de recordos organizándoos en historias, ou a organización dos contidos por datas, lugares ou persoas que aparecen neles, permitindo incluso a busca dentro das imaxes e permitindo que poidamos compartir conxuntos de fotografía a través dunha única ligazón, o que resulta especialmente práctico para cando queremos amosar un numero importante de fotografías.
Este novo servizo estrea hoxe mesmo aplicación para Android e iOS, e tamén a súa versión web.


Vídeo de presentación do novo Google Fotos

Google Play máis familiar

Dada a popularización dos dispositivos con Android entre os máis pequenos da casa, Google continúa a mellorar a súa tenda de contidos dixitais, e agora as aplicacións, xogos, e contidos audiovisuais estrean unha nova icona con forma de estrela, que indica os contidos que son aptos para toda a familia, e sobre os que facilitará a exploración para que poidamos descubrir todo ese material que pode resultar do agrado para os cativos.
Para facer máis accesible o contido tamén estréase unha nova posibilidade de exploración por personaxes, de xeito que poderemos atopar seleccións de material buscando por Dora a Exploradora, Peppa Pig ou LEGO, temáticas que estrean unha páxina de seu dentro da tenda de Google, o que permite destacar material oficial dun personaxe en concreto, o que fará moito máis doada a selección dos contidos a mercar e descargar.
A tenda tamén incrementa os controis paternos, para indicar a idade para a que é apta un contido, o rango de idades para o que está recomendada unha aplicación familiar ou se unha aplicación inclúe publicidade e compras dentro da aplicación. Resultará así máis doado decidir as aplicacións que instalamos para os pequenos, sendo tamén posible establecer límites ao tipo de material que queremos que estea dispoñible para os nosos cativos a través de Google Play.

A Internet das Cousas e a realidade virtual

Os novos eidos de innovación actuais tamén están moi presentes para Google, e no evento de hoxe Sundar Pichai confirmou a ampliación de Android ao ámbito da Internet das Cousas a través do Proxecto Brillo, unha nova plataforma que facilitará a comunicación coa infinidade de dispositivos que están a conectarse á Rede. Este desenvolvemento é posible en boa media grazas á experiencia que Google integrou na empresa coa adquisición de Nest, compañía que estaba especializada en detectores de fume e termóstatos conectados, que souberon ver a necesidade de prover aos desenvolvedores dun conxunto de API e ferramentas que faciliten un contorno común para a creación de solucións para esta emerxente área de innovación tecnolóxica.
No relativo á realidade virtual Google xa fixo interesantes achegas no pasado a través do seu popular cartón, que converte un smartphone en lentes de realidade virtual, e que agora está a renovarse para adaptarse aos novos tamaños de smartphones (de xeito que pode albergar terminais con pantallas de até 6 polgadas), pero este só é o xeito de democratizar a realidade virtual, mentres que as novidades neste ámbito chegan a través de Google Expeditions (un novo xeito de realizar viaxes virtuais valéndose do cartón de Google, pensando principalmente en estudiantes) e Jump (unha nova solución de captura de vídeo en 360 graos que integrarase en YouTube e conta coa colaboración de GoPro para disposición do hardware de captación de contidos).


Vídeo de presentación de Google Expeditions

PUBLICIDADE