Animan ao empresariado galego a tirar proveito da súa lingua nas redes e nos mercados da Lusofonía

xoves, 4 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Salientar as múltiples posibilidades de empregar galego nos negocios, na internacionalización dos mesmos e deixar claro, dunha vez todas, que a lingua tamén é marca, distintivo e valor de mercado. Todo isto, cunha xanela apuntando cara ás novas tecnoloxías e outra cara ao eido da Lusofonía (onde moi probablemente estea o noso ámbito natural de espallamento económico), é o alicerce da campaña O galego, chave para os teus negocios no mundo, presentada este mércores 3 de outubro en Porriño, no Centro Neural de Torneiros. A iniciativa, que vén da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), convida ao empresariado galego a usar a lingua de seu nas súas comunicacións, físicas e tamén dixitais, e non só na súa terra, senón tamén en países irmáns como Portugal, Brasil, Angola ou Mozambique, onde a fin de contas temos unha base lingüística común.
Ao acto de presentación deste programa de acción asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o secretario xeral da FEGAPE, David Sobral; o alcalde do Porriño; e o empresario vigués Alfonso Paz-Andrade. García Gómez animou aos empresarios e empresarias a introduciren e empregaren a lingua galega nos seus negocios “porque o galego é unha oportunidade, o vínculo que nos conecta con novos espazos e novos mercados, nomeadamente mercados emerxentes de fala portuguesa como o Brasil ou Angola, onde o empresariado galego ten enormes vantaxes fronte a outros colectivos grazas á nosa lingua propia.”. Unha comunidade internacional, a da Lusofonía, que abrangue a máis de 200 millóns de persoas no mundo.
A novidade desta campaña dirixida ao empresariado galego, sinalaron os responsábeis da mesma, é que se basea en datos económicos que demostran que o emprego do galego é un valor rendible para o empresariado. A iniciativa pretende servir como alicerce para que as empresas non perdan de vista un mercado que representa segundo datos do ICEX España Exportación e Inversións case o 20% dos 12 000 millóns de euros que a economía galega exportou ao exterior no ano 2011. Na presentación fíxose fincapé no feito de que atinxir o devandito mercado, participar nel, non é unha utopía senón unha realidade palpábel que os nosos emprendedores teñen ao alcance da man. De feito, os asistentes ao acto de posta en longo da campaña coincidiron en sinalar que os países do ámbito lusófono “son tradicionalmente unha saída natural para as empresas galegas”. Os materiais que forman a campaña, 1.500 carteis e 10 000 dípticos informativos, distribuiranse entre as entidades pertencentes á FEGAPE e outras entidades galegas de interese económico. Estes materiais xa se poden consultar e descargar dende a páxina institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Valentín Paz-Andrade, pioneiro na proxección internacional do galego
O empresario Alfonso Paz-Andrade, fillo do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas na súa edición 2012, recordou a figura de seu pai, Valentín Paz-Andrade, como un dos primeiros intelectuais e empresarios galegos que proxectaron Galicia a nivel internacional e que falaron da nosa lingua como nexo de unión e de comunicación cos países da Lusofonía. Este ideario plasmouno empresario da industria pesqueira nos seus textos, nomeadamente na obra Galicia como tarefa.

PUBLICIDADE