Apoio da Comisión de Cooperación coa UNESCO ao certame galego D3Mobile

venres, 29 de abril do 2016 Redacción

A Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO vén de anunciar que patrocinará o campionato galego D3Mobile Metrology World League. O apoio da Comisión ao certame (un concurso de alcance internacional no que se convida ás novas xeracións a facer modelos 3D de precisión coa axuda dos seus dispositivos móbiles) materializarase en 2017. Como lembraremos, a liga mundial vén da man do grupo de investigación USCAN3D da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e outras entidades. Segundo sinalan os responsábeis do proxecto D3Mobile, “o compromiso de apoio recibido pola UNESCO constitúe un novo recoñecemento e tamén un gran orgullo para o grupo de investigación USCAN3D da USC”. Ademais, inciden nas posibilidades de difusión que se abren co devandito patrocinio, “un distintivo de calidade que levará aínda máis lonxe o campionato”.
O profesor Juan Ortiz (USCAN3D) precisou asemade que o respaldo recibido responde a que a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO cualifica este campionato científico escolar de “actividade interesante e con importantes contribucións á filosofía da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e Cultura”.
Tamén lembrou que o certame D3Mobile Metrology World League 2016 está a rexistrar arestora as mellores cifras de participación de estudantes (1.348), profesores (249), centros (223) e países (37) das catro edicións deste certame desenvolvidas até o de agora, representando un medre de entre un 10 e un 30 % respecto do ano anterior. “O 27 % destas novas promesas”, sinalo, “son estranxeiros, o que implica un notábel incremento no grao de internacionalización deste campionato respecto da terceira edición celebrada en 2015”.
Segundo fixo saber, “os modelos 3D presentados a concurso na edición 2016 do D3Mobile presentan elevados estándares de calidade, o que denota a valía dos estudantes participantes e tamén do seu profesorado, os verdadeiros protagonistas do campionato, segundo salientan os organizadores”. Ortiz sinalou que os equipos participantes na presente edición de D3Mobile amosaron “a súa capacidade para converter os seus propios teléfonos móbiles nunha ferramenta de medida de coordenadas 3D de precisión cun nivel de error mínimo e todo, cun software gratuíto, dixo”.
Abertas as votacións
Recordar tamén que os organizadores do D3Mobile veñen de abrir o prazo para determinar os modelos 3D máis valorados polo público. O período de votación en liña ficará aberto até o 3 de xuño na web www.de3mobile.es. Todos os participantes nestas votacións abertas ao público en xeral e a través das que se busca achegar a ciencia á cidadanía, entrarán no sorteo de diversos agasallos. “A divulgación reporta certo recoñecemento social aos autores dos modelos 3D máis votados”, segundo sinalaron o coordinador do D3Mobile, Juan Ortiz, e Mariluz Gil Docampo, directora do grupo de investigación USCAN3D da USC, do que tamén forman parte os investigadores Santiago Martínez Rodríguez e Teresa Rego Sanmartín.

PUBLICIDADE