Apple Pay convértese no sistema de pagamento sen contacto máis usado nos EE.UU.

martes, 28 de outubro do 2014 Marcus Fernández

A fuga de talentos de The Wall Street Journal a Re/code non impediu que quixeran repetir os seus encontros con figuras relevantes da industria tecnolóxica, e entre os días 27 e 29 están a celebrar en Laguna Beach (California) o WSJ.D, evento que conseguiu certa repercusión grazas principalmente por contar con Tim Cook entre os seus relatores.
A participación do director xeral de Apple resultou de grande interese por chegar pouco despois da presentación dos novos iPad e a posta en marcha do servizo Apple Pay, e precisamente foi o escenario elixido por Cook para dar a coñecer que este sistema de pagamentos creado por Apple conseguiu en poucas horas liderar os sistemas de pagamento sen contacto nos EE.UU., sumando máis usuarios que todos os seus competidores xuntos. Ao parecer, en 72 horas Apple tería activado un millón de tarxetas en Apple Pay.
O lanzamento de Apple Pay está a resultar bastante polémico nos EE.UU., por xurdir incidencias nos pagamentos (usuarios aos que algunha compañía cargou os pagamentos por duplicado) e por mor de certas cadeas de tendas que tiñan instalados TPV compatibles con Apple Pay e que optaron por desactivarlles o NFC para forzar aos clientes a empregar as súas plataformas de pagamento en vez da de Apple.
Cook tamén explicou a descatalogación do iPad classic asegurando que tiveron que deixar de producilo por non poder conseguir os seus compoñentes no mercado, non resultando rendible un redeseño do produto para adaptarse aos compoñentes dispoñibles actualmente.

PUBLICIDADE