Apple e Apple Corps (o selo de The Beatles) soterran as armas

martes, 6 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Algo non acaba de encaixar con isto da mazá”. Probablemente non sexamos precisamente catro gatos os que chegamos á devandita reflexión (ou semellante), logo de descubrir que un mesmo nome, “Apple”, servía para designar dúas cousas ben distintas, practicamente opostas (ou se cadra non tanto): por unha banda os vellos vinilos, os CDs e todo o merchandising de The Beatles e, pola outra, os produtos Mac. Ó principio, até houbo quen pensaba que se trataba dunha mesma cousa, e que o dos computadores e demais tecnoloxía constituía unha estratexia de diversificación de mercado dos guedelludos de Liverpool. Pero non: non era mesma cousa nin servían para o mesmo. Unha vez sabido isto, a pregunta que case todos nos fixemos foi: como é que se eu quero montar unha cadea de hoteis que se chamen “Hilton” véxome ó momento coa xustiza chamando á miña porta e, porén, a casa de Steve Jobs pode usar a sagrada etiqueta de The Beatles cando lle pete?
O caso é que si que houbo liorta legal, e foi un enfrontamento en capítulos, que recibiu azos hai uns poucos anos cando a discográfica acusou á compañía informática de meterse no que consideraba un terreo que, por tradición, non lle pertencía: o negocio da música, concretamente a través de iTunes. Porén, este tirapuxa semella que vén de chegar ó seu fin, logo de que (polo menos sobre o papel) ámbalas empresas chegasen a un acordo.
A través deste “tratado de paz”, Apple será a propietaria de tódalas marcas rexistradas vinculadas á mazá e venderá baixo licenza certas marcas a Apple Corps (propiedade de Paul McCartney, Ringo Starr, a viúva de John Lennon -Yoko Ono- e os herdeiros de George Harrison) para o seu uso permanente. O acordo tamén pode traer consigo boas novas para os usuarios de iTunes, xa que até o de agora e por mor das malas relacións entre as dúas empresas, non estaban accesibles as cancións do grupo no dito servizo de descarga. A casa Apple Corps, logo da sinatura do acordo, anunciou que os temas venderanse na Rede nun futuro próximo.

PUBLICIDADE