Apple e Google continúan a ser as marcas máis valoradas a nivel mundial

luns, 5 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Cada ano Interbrand publica unha listaxe coas marcas máis valoradas a nivel mundial, e unha vez máis as marcas tecnolóxicas continúan a acaparar as principais posicións, con Apple líder cunha valoración de 170.276 millóns de dólares, seguida por Google cunha valoración de 120.314 millóns de dólares, quedando ambas empresas moi distantes da terceira posición, na que Coca-Cola (78.423 millóns de dólares) conseguiu manterse por diante de empresas tecnolóxicas como Microsoft (67.670 millóns de dólares) e IBM (65.095 millóns de dólares), cando non hai moitos anos a marca de refrescos sería unha clara líder.
Outras empresas tecnolóxicas destacadas serían Samsung (na 7ª posición), Amazon (posto 10), Intel (14), Cisco (15), Oracle (16) e HP (18), destacando o feito de que Facebook conseguise chegar ao posto 23 cunha valoración de 22.029 millóns de dólares, mentres que o ano pasado estaba valorada en 14.349 millóns de dólares, de xeito que mantén o seu pulo como unha das marcas de maior crecemento.
Tamén podemos salientar que mentres entraron na listaxe marcas como PayPal e Lenovo, caeron outras como Nintendo e Nokia, dando a entender que este tipo de cualificación é un bo indicativo da saúde financeira das empresas.
As marcas españolas que aparecerían no ranking serían Zara (que pasou do posto 36 ao 30) e o Banco Santander (que pasou do posto 75 ao 70).

PUBLICIDADE