Apple estuda coas discográficas ofrecer música de balde a través da Rede

mércores, 19 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Malia tratarse dun proxecto, semella que Apple está a subir chanzos cara a novos xeitos de achegar música en liña que sexan máis accesibles para os internautas. Segundo informou os días pasados o Financial Times, a devandita multinacional estaría neste intre a estudar a viabilidade de poñer en marcha un novo modelo de comercialización de música na súa canle iTunes que incluíse a achega de cancións de balde a cambio dun engadido extra sobre o prezo actual dun iPod ou dun iPhone.
A proposta de Apple, que en certa medida semella unha resposta á iniciativa de Nokia e Universal Music chamada Comes with Music (que consistiría nun programa para ter no móbil acceso sen límites a millóns de cancións libres de tecnoloxía que as invalide no futuro), está neste en fase de análise por parte das grandes discográficas. Sobre este punto, dicir que o alicerce das conversas non é outro que o prezo que Apple tería que desembolsar por ter ó alcance da man os fondos das majors da música.
Segundo se indica en Vnunet, os usuarios estarían dispostos a pagar até 100 dólares máis sobre o custo actual dos iPods e iPhones se con iso se asegura un acceso libre ás cancións.

PUBLICIDADE