En marcha un agregador intelixente galego que nos atopa o local máis axeitado para o noso negocio

luns, 29 de agosto do 2016 Fernando Sarasketa

Os impulsores de Artabria.es veñen de presentar un interesante proxecto para facilitar ao máximo o medre das novas empresas galegas (e das non tan novas tamén) coa mellor elección posíbel de centro de operacións. Trátase de montandotunegocio.com, unha iniciativa concibida como un agregador de ligazóns que integra unha capa de intelixencia social para facilitar o óptimo posicionamento desas ligazóns. A metodoloxía seguida, segundo informan os creadores deste recurso (os desenvolvedores Quique Santos e Adolfo Ponte), é a seguinte: “As ligazóns van a páxinas web nas que se ofertan locais comerciais para negocios e a capa de intelixencia social valora estes locais respecto á empresa que se pretende habilitar”.
O obxectivo de todo isto, engaden os creadores do servizo, “é que a xente que busca local para establecer un negocio en concreto teña datos de abondo para realizar un peneirado eficaz dos emprazamentos e as características dos que poden servir e dos que non”. A maiores e para que se entenda, definen a iniciativa do seguinte xeito: “É como antepoñer un ’’menéame’’ aos alugueres de locais comerciais de Idealista.com”.
Ou sexa, que Montandotunegocio poría a capa de analítica e xestión de Big Data que lle faltarían a servizos como Idealista, Fotocasa, Pisos.com ou Yaencontré, unhas ferramentas que se caracterizan por achegar datos “moi limitados sobre as súas propiedades” (prezo, superficie, emprazamento aproximado) e que adoitan extraer deles outras informacións “máis ou menos relevantes”, como por exemplo prezo medio da zona ou prezos por metro cadrado. Para os responsábeis do novo servizo galego, os devanditos datos e o que se pode tirar deles teñen un curto alcance, xa que se cinguen ao mercado inmobiliario “e non ofrecen coñecemento de valor para medir a viabilidade dun negocio nun emprazamento concreto e nun local coas características concretas da oferta”.
Polo tanto, o gran obxectivo de www.montandotunegocio.com é xuntar expertos en diferentes áreas implicadas (axentes inmobiliarios, arquitectos, construtores, deseñadores ou mesmo xente que coñece unha zona ou un sector de actividade en concreto) para valorar e comentar cada local (cos datos dispoñíbeis na súa páxina de web) e permitir ao sistema elaborar unha clasificación que estea a disposición dos usuarios para tomaren as súas propias decisións. “O noso novo sitio”, engaden os seus creadores, “ofrece xa de entrada unha metodoloxía para desbotar usos en locais que non cumprirían certas esixencias administrativas; co que xa non aparecerían nas clasificacións”.
Outro dos obxectivos a curto prazo é que se poida probar en breve se coa implicación dun número reducido de expertos pódense xerar listaxes “verdadeiramente usábeis”. Por esta razón o servizo ten como punto de partida un moi curto alcance na cidade e no entorno da Coruña; coa mira posta en acadar unhas métricas coas que tentar a participación activa das asociacións (de profesionais, colexios, de veciños ou de comerciantes), das Administracións e de outros axentes que poidan contribuír, dende universidades a grupos de desenvolvedores de aplicacións libres. Estas probas, segundo sinala Artabria, deberan estar rematadas para mediados de setembro co fin de “poder valorar a continuidade do proxecto a toda Galicia, primeiro, e toda España ao longo do 2017”.
A intención final é darlle longo alcance á iniciativa, e máis tendo en conta “a boa acollida que está tendo entre a xente que anda á procura de local nestes momentos... e que son, de momento, os que están a pedir novas funcionalidades e suxerindo cambios no funcionamento; que tamén agradecemos enormemente”.

PUBLICIDADE