As Cámaras de Santiago e Coruña desenvolverán programas de innovación TIC na demarcación de Lugo

luns, 27 de xullo do 2015 Redacción

As Cámaras de Comercio de Santiago e A Coruña desenvolverán catro programas de innovación destinados a que as PEME e autónomos da demarcación de Lugo tiren proveito das vantaxes de incorporar as novas tecnoloxías ao seu seo. A medida, sinala o ente compostelán, vén dada pola “imposibilidade da entidade lucense de achegar os recursos materiais e humanos precisos para levar a cabo as actuacións dos programas”. Por estes motivos, as Cámaras de Santiago e A Coruña fixaron un acordo para desenvolver os programas TIC Cámaras, InnoCámaras (Cámara da Coruña), LeanCámaras e eAdministración (Cámara de Santiago).
Polo que respecta ao programa LeanCámaras, unha das iniciativas que levará a cabo a Cámara de Santiago, axuda ás PEME industriais a mellorar a súa competitividade, mediante o desenvolvemento subvencionado de Plans de axuda á mellora baseados na metodoloxía Lean Manufacturing para a adopción dunha cultura centrada na busca constante da eficiencia. A empresa contará cun consultor experto en lean manufacturing que a guiará ao longo de todo o proceso de implantación do plan. Está financiado ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% pola Xunta de Galicia e as propias empresas beneficiarias.
Segundo sinala a Cámara de Santiago acerca de LeanCámaras, as empresas de Lugo poderán reducir entre un 10 e un 30% os seus custos unitarios; acadarán tamén un incremento da produtividade e mellorarán a calidade do produto e os resultados na resolución de problemas, entre outras cousas.
A entidade compostelá será tamén a encargada de ofrecer ás empresas de Lugo o programa eAdministración, orientado ao fomento das canles e servizos de tramitación electrónica nas pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos da demarcación. É unha iniciativa co-financiada por fondos FEDER da Unión Europea. O obxecto principal do programa é “fomentar o uso da eAdministración, a facturación electrónica e a sinatura dixital para achegar a Administración Pública ás empresas e maximizar a mellora da súa produtividade e competitividade, a través de servizos electrónicos completos”.
Este programa ten unha fase de consultoría de mellora de procesos onde se realizará un diagnóstico asistido e personalizado ás empresas participantes. Trátase dunha análise dos procesos da empresa para determinar os aspectos nos que a eAdministración pode contribuír á mellora da produtividade e competitividade, facilitando a redución de cargas administrativas, a axilidade nos procedementos e a automatización de procesos que evidencien electrónicas certificadas, entre outras cousas.

PUBLICIDADE