As Escolas na Nube do CESGA e Balidea, premiadas polos nosos enxeñeiros en informática

mércores, 24 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

O proxecto Rede de Escolas na Nube, do que falamos recentemente para dar conta do proceso de espallamento no que está mergullado (a previsión é, dado o éxito acadado, chegar a máis escolas do rural galego), vén de obter un novo recoñecemento que engadir ao recibido hai un par de anos de mans dos responsábeis de Educared. Desta volta, a distinción aínda cobra máis importancia, por ser os propios profesionais galegos da informática os que decidiron salientar os beneficios e o potencial deste proxecto: os membros do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Como lembraremos, a iniciativa Escolas na Nube está baseada no uso das TIC por mestras e mestres nunha contorna rural dispersa. O CPEIG decidiu outorgarlle o Premio Iniciativa Emprendedora.
A entrega do galardón terá lugar durante a celebración da quinta edición da Noite da Enxeñaría en Informática, prevista para o vindeiro 4 de outubro. Segundo recorda o Colexio, a Rede de Escolas na Nube traballa con cativos de entre 3 e 7 anos de idade e está orientada a proporcionar servizos de computación cloud para mellorar a aprendizaxe e a colaboración na escola rural. O proxecto está coordinado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a participación da empresa galega Balidea. Para os responsábeis da Rede de Escolas na Nube, o proxecto pretende “analizar e deseñar unha contorna e servizos baseados en computación na nube para que sirvan como soporte dunha metodoloxía de traballo colaborativa, comunicativa e apoiada nas TIC para mellorar a educación e colaboración nas escolas espalladas de Galicia”. O proxecto abrolla da experiencia acadada noutro proxecto piloto de investigación, Rural Schools & Cloud Computing, no que se comezou a deseñar unha nube baseada en software aberto e sobre infraestrutura cloud para un colexio rural.

PUBLICIDADE