As JAI están a convocar ó máis senlleiro en Galiza da automatización industrial (vía presencial e a través da Rede)

xoves, 29 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Estes días estase a celebrar en Vigo (presencialmente e vía Internet, a través da canle en liña da Televisión Universitaria) un encontro encamiñado a establecer ligazóns e implicación activa arredor do seguinte eixo: as novas tecnoloxías aplicadas ó servizo dunha mellora na produción e da operatividade no mercado. Falamos das III Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI 2007), que se desenvolven no auditorio do Centro Social Caixanova até este venres 30 e que teñen o seguinte obxectivo: afianzar con nós fortes as relacións entre catro elementos base que son, por así dicilo, os seus piares: novas tecnoloxías da automatización industrial, profesionais do sector das solucións industriais, alumnos do eido universitario ou da Formación Profesional e, por último, investigadores e docentes.
Basicamente, do que se trata é de xuntar ós profesionais e á comunidade estudantil para que compartan experiencias arredor do que significan as novas tecnoloxías da automatización, favorecéndose os primeiros do pulo creativo dos alumnos e estes da exposición de casos prácticos do eido empresarial.
As JAI, organizadas polo Departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo, estanse a celebrar desta volta no Auditorio do Centro Social Caixanova da dita cidade e para este xoves e este venres inclúen o seguinte programa:
· Xoves 29 de novembro
Auditorio do Centro Social de Caixanova
10.00 – 14.00 horas
Profinet: novo estándar de ethernet industrial
Intervén Carlos Fernández, responsable de Servizos de Automatización Industrial de Phoenix Contact
Novidades en PLC´s e redes
Intervén Guillaume Collet, responsable de Automatización do ISEF Schneider Electric
16-20.00
Drive & Control: solucións integradas e aplicacións prácticas
Intervén Rubén Pérez, director rexional Zona Noroeste de Bosch Rexroth
Innovación e solucións para grúas e sistemas de elevación
Intervén José Calviño, enxeñeiro de aplicacións para máquinas de elevación, Siemens
· Venres 30 de novembro
Auditorio do Centro Social de Caixanova
10.00 - 14.00 horas
Inspección automática de chasis de vehículos por medio de visión artificial e robótica
Intervén Sergio Sedas, profesor investigador do Departamento de Mecatrónica e Automatización do Instituto Tecnolóxico de Monterrey
Aplicación da robótica na automatización integral dunha liña de fabricación de panel sandwich
Interveñen Yolanda Fernández e David Fernández (Esycontrol) e Humberto Rodríguez (responsable da Zona Norte de Fanuc Robotics)
Elastic Control, unha solución aberta para a monotorización e control industrial
Intervén David Goyanes, director de proxectos de Imatia
RTPM (Real-Time Performance Management) e análises de datos para a optimización de procesos de produción
Intervén Antonio Sartal, director de I+D de Jealsa Rianxeira
Benefits of modern PLC-Technology
Intervén Benedikt Faupel (Regelungstechnik, Prozessautomatieserung und Simulationstechnik, HTW Des Saarlandes)
Xuntanza especializada respaldada por multinacionais de renome
Trátase duns encontros moi especializados, que dan cabida sobre todo a técnicos profesionais de produto fabricantes de solucións industriais e dirixidos principalmente a “contribuír á difusión formativa e informativa das máis innovadoras tecnoloxías”, segundo apunta a organización. Neste senso, non é casual que o programa conte coa participación de empresas de renome mundial no eido da I+D, firmas como Fanuc Robotics (Xapón), Microsoft, National Instruments, Imatia, Phoenix Contact, Rexroth, Rockwell Automation, Schneider Electric ou Siemens.
Cómpre sinalar que todas estas compañías, alén das súas diferenzas lóxicas, teñen en común o ter afrontado de semellante maneira os retos da globalización e da competitividade máis feroz: apostando polas técnicas de automatización industrial máis avanzadas, téndoas sempre en conta e tentando melloralas de xeito continuado, sinala o equipo responsable das JAI. Para este, as ditas tecnoloxías son o “factor diferencial grazas ó que as firmas dos países máis modernos poden distinguirse”.
Encontros (tamén) para a lusofonía e Iberoamérica, presenciais ou en liña
As xornadas, que non se limitan a achegar contidos, experiencias e oportunidade de traballo á comunidade educativa galega senón tamén á de Portugal e a de Iberoamérica, non só se desenvolverán de xeito presencial. De feito, a organización volverá a contar coa axuda da Televisión Universitaria (www.uvigo.tv) a prol de cubrir a participación dos alumnos nas xornadas no caso de que non lles sexa posible acudir en persoa. Así, co fin de garantir o “máximo seguimento nacional e internacional” retransmitiranse en vivo e a través da Canle 1 os diferentes relatorios que se celebren nos salóns de actos dos centros docentes da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que así o desexen. Porén, calquera institución educativa de Iberoamerica poderá participar na retransmisión, sendo o único requisito que se pide unha conexión con amplitude de banda abonda ó servidor principal da Televisión Universitaria.
A maiores e con posterioridade á celebración das xornadas, a organización das JAI vai poñer na Internet e ó alcance da man da comunidade educativa a listaxe completa de relatorios “á carta”. Isto vai ser posible en calquera intre mediante tecnoloxías de Video On Demand, accedendo ós contidos deste evento almacenados no servidor da devandita canle de televisión. Sexa como sexa, o interese dos responsables do evento por rexistrar as actividades e dalas a coñecer ó mundo tirando partido das tecnoloxías da información non se limita ó devandito, senón que se completa cun proxecto de DVD recompilatorio que abranguerá vídeos de cada intervención amais da documentación achegada por cada un dos relatores. A idea é repartir esta escolma das JAI nos centros docentes de Galiza e do Norte de Portugal, así como de España e Iberoamérica.

PUBLICIDADE