As TIC tamén foron protagonistas da sétima Xornada de Negocios de AEMOS

venres, 15 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), xunto coa do Deza e Polígono de San Cibrao, celebraron o pasado 7 de xuño a súa sétima Xornada de Negocios. Na nova convocatoria participaron 52 empresas das contornas que cobren as ditas entidades (Mos, O Porriño, Vigo, O Deza e Ourense). O programa incluíu conferencias, presentacións e mesas de traballo sectoriais orientadas á promoción, interacción e á formalización de acordos de negocio entre as empresas asistentes. Ademais, estreouse unha páxina web e afondouse, facendo fincapé na súa utilidade, no emprego dos móbiles para acceder a datos de valor. Máis polo miúdo, tirouse proveito da aplicación NFC Leads para escanear os códigos QR que contiñan a información de contacto das empresas participantes.
A cita foi no Hotel Talaso Atlántico de Oia, e contouse co patrocinio de PSA Retail e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e ABANCA. O evento serviu, comA en edicións anteriores, para fortalecer o labor das organizacións empresariais promotoras na oferta de servizos ás súas empresas asociadas, estimulando a ampliación a novos mercados, así como a creación de novas redes comerciais e impulsar novas cotas de negocio. Como balance do éxito desta edición, salientar que se xeraron preto de 600 contactos entre as máis de 80 persoas asistentes, que representaban ás 52 empresas participantes, firmas de diferentes actividades e características tanto no tocante ao tamaño como á actividade que desenvolven. Por sectores, as empresas pertencían aos seguintes eidos de mercado: motor, metal, construción, asesoramento empresarial e consultoría, comercialización de subministracións industriais, instalacións e mantemento industrial, mercadotecnia e novas tecnoloxías da información, entre outros.
O acto comezou coa inauguración a cargo do presidente da Asociación de Empresarios de Mos, Manuel Castro, acompañado do presidente da Asociación de Empresarios do Deza, Antonio Lamas, e o presidente do Polígono de San Cibrao das Viñas, José Elías Mera. Trala inauguración e o relatorio a cargo de Daniel Martín, responsábel de PSA Retail, todas as empresas presentes tiveron a oportunidade de presentar o seu proxecto ao resto do aforamento e captar a súa atención para posteriores contactos. Cómpre salientar, neste senso, a participación de empresas colaboradoras como R, Dismac e Quattroasesoría.
Novas tecnoloxías
Segundo sinalaron as entidades organizadoras do evento, as novas tecnoloxías empregadas no mesmo non fixeron máis que afianzar colaboracións entre participantes e impulsar a comunicación. Así, tralo éxito alcanzado en edicións anteriores, empregáronse tecnoloxías como a aplicación NFC Leads para escanear os códigos QR que contiñan a información de contacto das empresas participantes, facilitándose a interacción entre os máis de 80 participantes no evento e permitíndolles acceder á ficha de cada un deles sen necesidade de cartóns ou catálogos de empresa.
Doutra banda, lanzouse unha web específica para o VII encontro empresarial www.aemos.es/jornadadenegocios, na cal se expuña toda a información respecto do evento e a través da cal tamén foi posíbel realizar a inscrición ou consultar calquera dúbida, amais de optimizar a xestión da cita e fomentar, por si mesma, o uso das TIC entre os usuarios.

PUBLICIDADE