As afeccións do Deportivo e do Celta compiten en Twitter para animar o derbi do sábado

xoves, 25 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Begano quere animar o derbi galego que o vindeiro sábado pola tarde enfrontará no estadio de Balaídos ao Celta de Vigo e ao Deportivo da Coruña, e para contribuír á competición anima aos seareiros de ambos equipos a levar a súa afección á Internet, concretamente a Twitter, onde instan publicar mensaxes que inclúan o hashtag #quieroserpartedelderbi xunto cunha etiqueta que represente ao equipo que se desexe apoiar (#depor ou #celta).
Os tuiteiros que participen nesta competición virtual (ata o día seguinte da celebración do partido) formarán parte do sorteo dun balón de fútbol asinado polo seu equipo, á vez que tamén poden seguir a través da web o balance deste reto en liña grazas a unha aplicación desenvolvida por Corunet dispoñible baixo o dominio quieroserpartedelderbi.com. Neste espazo en liña podemos seguir en tempo real as mensaxes publicadas a través de Twitter coa etiqueta #quieroserpatedelderbi, contabilizando o número de apoios de cada formación deportiva e amosando algunha das últimas mensaxes. Tamén permítenos ver a distribución xeográfica destas mensaxes e incluso facilita a publicación en Twitter dende o propio espazo web.

PUBLICIDADE