As candidaturas aos premios de AJE-Vigo fan gala de firmes alicerces tecnolóxicos

venres, 31 de outubro do 2014 Redacción

Como era de agardar, hai moito compoñente TIC na novena edición do Premio Novo Emprendedor e Novo Empresario que convoca a asociación AJE-Vigo. Segundo apunta a entidade, presentáronse candidaturas que van desde a elaboración e cría de produtos tradicionais até “proxectos cun marcado compoñente tecnolóxico, pasando por empresas de servizos ou orixinais propostas en restauración”. Á modalidade Mozo Emprendedor foron once os candidatos presentados, e a Novo Empresario, catorce proxectos. Segundo apunta AJE-Vigo, estes premios son un recoñecemento público ao espírito empresarial da nosa mocidade, un espírito que redunda ante todo en mellorar a nosa sociedade.
A convocatoria, ademais das dúas categorías principais, o 9º Premio Novo Emprendedor e o 9º Premio Novo Empresario, conta con tres accésit que valorarán aqueles proxectos que salienten pola súa innovación, a súa calidade ou por destacar en RSE (Responsabilidade Social Empresarial). AJE-Vigo entregará os ditos recoñecementos o vindeiro 6 de novembro nun evento que se celebrará no Hotel Cidade de Vigo.
O Premio Novo Emprendedor inclúe un máster en estratexia dixital, mercadotecnia online e comunicación 2.0, achegado por IFFE Business School. O Premio Novo Empresario achegará 2.500 euros (a da man de Abanca) á gañadora ou gañador.
Os candidatos do Premio Novo Emprendedor son Adega do Vimbio, BlacHouse Entertainment, Ciclos Boyer, EcoNene (plataforma en liña de venda de roupa infantil a través de mundoeconene.com), Galo Celta, Más que Guitarra (academia de música con simulación de concertos e vídeos titoriais a través da súa web), Monet Tecnoloxía e Innovación S.L (dedicada ao desenvolvemento de novos produtos e servizos tecnolóxicos para o sector vitivinícola), Multibreves.com (plataforma web que traslada un anuncio clasificado ás 100 mellores páxinas de compravenda de España), Nisventex, Newmatic e The Othilio Bar.
Polo que respecta aos candidatos ao Premio Novo Empresario, son os seguintes: Buo Arquitectura, Byfer, Clínica Dental Romeo, Conservas Chanquete, Escapadas Rías Baixas, Forgal, Iberforja, Kemegal Químicos, Koolbrand (empresa de publicidade e consultoría de mercadotecnia), Lancetalent (unha plataforma en liña de traballo independente para facilitar a posta en marcha de pequenos negocios ou startups), No llores patito (tenda en liña de produtos para bebés e nenos), Océano Consultores, Óptima Cleaning & Healthcare e o restaurante Ruxe-Ruxe.

PUBLICIDADE