As cidades intelixentes estatais suspenden en participación cidadá

martes, 31 de maio do 2016 Fernando Sarasketa

Mahou e Varela son os autores do estudo sobre smart cities

Os profesores da UVigo (Campus de Pontevedra, Facultade de Ciencias Sociais) Xosé Mahou e Enrique Varela veñen de desenvolver unha investigación sobre a calidade e o nivel de operatividade das iniciativas de cidades intelixentes do ámbito estatal. O estudo avalía, en total, os portais de 20 capitais de provincia. Segundo apuntan os autores, fica moito traballo pendente por facer. De feito, din, “estes espazos en liña non están a xerar contornas virtuais que favorezan unha interacción fluída entre administración local e cidadanía”. Ou sexa que boa parte dos obxectivos básicos deste tipo de iniciativas aínda están por cumprir. Entre as cidades con mellores indicadores nos mecanismos de participación en liña figuran Zaragoza, Barcelona e Madrid. Pola contra, a única cidade galega analizada, A Coruña, acada unha nota negativa.
Mahou e Varela, investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza, tentaron para o seu estudo identificar o nivel de desenvolvemento dos mecanismos de participación nos portais institucionais das principais smart cities españolas. O obxectivo era identificar o nivel de impulso da participación electrónica nas paxinas municipais. A investigación, que vén de ser recollida en Innovation and Opportunities for Citizen Participation in Spanish Smart Cities (un dos capítulos incluídos no libro colectivo Smarter as the New Urban Agenda, da editorial Springer), achega unha conclusión básica e principal: “Aínda hai moito traballo por facer”. Os autores do traballo chegaron a este punto logo de avaliar o grao de usabilidade dos portais institucionais das 20 cidades analizadas, pertencentes ás catro categorías (cidades top, aspirantes, xogadoras e seguidoras) que abrangue a clasificación elaborada por ICD. En liñas xerais, explican, os portais destas cidades destacaron por seren “sitios fundamentalmente informativos”, que deixan “escasa marxe a que a cidadanía colabore na elaboración das políticas públicas e na produción e provisión de bens e servizos públicos”.
Porén, os investigadores tamén recoñecen que existen “importantes diferenzas entre as cidades analizadas”, entre as que salienta a web “con múltiples dispositivos de participación cidadá” de Zaragoza, que supera ao resto de cidades en todas as dimensións analizadas. Concretamente, a capital de Aragón, inserida na categoría de aspirantes de ICD, obtén 102,5 puntos dos 135,5 posibles seguindo os indicadores fixados para este estudo, por diante de dúas urbes do top 5 do ránking, Barcelona e Madrid. “A primeira”, apuntan os autores do informe, “destaca en atención á cidadanía e en servizos de administración electrónica”, mentres que a capital de España “mantén un promedio relativamente alto en todos os apartados”, en especial no de goberno aberto. Tamén é de salientar nesta análise outra das cidades da categoría top, Santander. Máis polo miúdo no relativo á participación de “iniciativas smart city”, grazas á web coa que conta para “o intercambio de ideas neste ámbito entre cidadanía e administración local”.
No outro lado da balanza atópanse cidades como Murcia, Logroño, Burgos ou Castellón, todas elas da categoría “xogadores”, aquelas que se considera “que están avanzando no camiño axeitado, pero que non alcanzan os 40 puntos nesta medición”. Cifra á que tampouco chega á única capital galega incluída no estudo, A Coruña, que obtén malos resultados “tanto en atención á cidadanía como en acceso ao goberno aberto”.

PUBLICIDADE