As claves da eAdministración a debate mañá en Compostela

mércores, 23 de xuño do 2010 Raquel Noya

A partir do vindeiro día 1 de outubro, segundo establece a Lei reguladora de contratación (Lei 30/2007), no noso país será obrigatorio o uso da factura electrónica en todos os contratos do sector público estatal, podendo as administracións locais e autonómicas esixir tamén a súa presentación.
Quere dicir isto que a evolución tecnolóxica nas relacións entre distintas empresas e entre estas e as administracións públicas xa é unha realidade, e para dar conta dela, é preciso que toda a cidadanía coñeza e use as novas tecnoloxías e Internet no seu día a día, en concreto, as ferramentas tecnolóxicas que temos para o noso uso persoal como o DNIe ou a sinatura dixital.
Neste senso, AGESTIC, coa colaboración da Xunta de Galicia, da Axencia Tributaria e das consultoras Tradise e Ayse Lucus, vai organizar unha peculiar xornada na que, entre outras cousas, se tratarán temas relacionados coa dixitalización certificada, a xestión documental, a e-factura o DNI electrónico, etc., coa intervención de destacados relatores das entidades e empresas colaboradoras.
O evento, que ten prazas limitadas ata completar aforo, terá lugar mañá xoves, 24 de xuño, a partir das 9:45 horas no Centro ON Caixa Galicia, en Santiago de Compostela, e nel, as persoas asistentes comprobarán de primeira man as vantaxes da creación das oficinas e as administracións “sen papeis”.

PUBLICIDADE