As consolas Nintendo 3DS renovaranse no Xapón en outubro

venres, 29 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Cando naceu a Nintendo 3DS moitas eran as voces que apuntaban a que tiña unha carencia como a que presentaba o PSP de Sony, a ausencia dun segundo stick analóxico, polo que para poder controlar satisfactoriamente certos xogos chegaron a comercializar un accesorio chamado Botón Deslizante Pro que engadía un stick analóxico á dereita da consola portátil de Nintendo.
Curiosamente ao lanzar novos modelos da consola Nintendo optou por incrementar o tamaño de pantalla e incluso reducir custos sacando un modelo sen pantalla 3D, pero sen tomar cartas no asunto sobre a eiva anteriormente comentada, até agora, cando anuncian unha New Nintendo 3DS e 3DS XL, que chegarán en outubro ao Xapón (en Europa teremos que agardar até 2015 para ver esta nova máquina portátil).
A nova portátil presentouse nun Nintendo Direct e destaca externamente por contar cun pequeno stick analóxico xunto aos catro botóns principais e engadir un par de botóns traseiros (ao carón dos gatillos L e R), aínda que tamén conta con elementos menos perceptibles a simple vista como un procesador máis rápido, unha mellor pantalla 3D (que evita certos efectos de desenfoque ao mover lixeiramente a consola durante as nosas partidas), pasa de usar tarxetas SD de tamaño completo a optar por tarxetas microSD e incrementa a súa autonomía até unha hora (de xeito que a nova 3DS aguantaría entre 3,5 e 6 horas, mentres que o modelo XL funcionaría entre 3,6 e 6 horas). Tamén inclúe tecnoloxía NFC para poder empregar figuras Amiibo como na Wii U, o que vellas 3DS terían que facer empregando un accesorio.
Para facer máis atractiva esta nova máquina no Xapón tamén lanzarán unha versión do xogo Xenoblade Chronicle exclusiva para estas novas portátiles (que vén a ser unha adaptación do xogo de Wii de 2010, que converteuse en todo un referente para o rol xaponés, chegando a ter problemas de distribución en España por mor da súa elevada demanda).
A New Nintendo 3DS venderase a un prezo de 16.000 iens (117 euros), mentres que o modelo XL custará 18.000 iens (132 euros), prezos moi semellantes aos que teñen os modelos actuais. Tamén estarán dispoñibles bases de carga para as novas consolas e carcasas intercambiables.

As Nintendo 3DS e 3DS XL renóvanse en outubro no Xapón


Vídeo íntegro do último Nintendo Direct

PUBLICIDADE