As implicacións do peche de Megaupload e as posíbeis alternativas, a exame na Rede

xoves, 26 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Infografía publicada por Portalprogramas.com

O futuro da práctica de compartir arquivos a través da Rede periga máis que nunca tras o peche forzoso de Megaupload e voluntario de outras ferramentas de semellante índole, temerosas do que lles pode vir enriba. Estes feitos, de xeito inevitábel, abren unha serie de incógnitas sobre a viabilidade do libre fluxo de ficheiros, para moitas persoas o único xeito posíbel de acceder ao groso do coñecemento. Pois ben, para quen estes días ande ás apalpadelas na Internet, sen coñecer as consecuencias e implicacións do clausura dos ditos sitios, dicirlle que, de xeito paralelo, a Rede está a clarificar unha serie de cousas. En Portalprogramas.com, sen ir máis lonxe, achéganse de xeito gráfico e inmediato as claves dos devanditos feitos e alternativas a Megaupload.
E todo facendo fincapé nos antecedentes do fundador de Megaupload, Kim Schmitz, no peso desta web na rede, en cómo a opinión dos medios vai en contra do que din os usuarios e en quen será o próximo afectado. Para comezar, o informe baséase nun feito que os responsábeis de PortalProgramas considera fóra de toda dúbida: a devandita web, unha das 72 máis visitadas do mundo, pechouse sen xuízo previo nin defensa. Tiña 150 millóns de usuarios rexistrados, o que equivale á poboación total de España, Alemaña, Bélxica e Portugal, e cada día era obxecto de 50 millóns de visitas. O seu cometido era facilitar as descargas, e contaba con máis de 1.000 servidores distribuídos en Europa e América. “Dos máis de 8 billóns de webs que hai en Internet”, sinálase no informe, “a que nos ocupa movía ela soa o 4% do total do tráfico da Rede”. A través deste informe crítico, tamén se dá conta dos antecedentes de Schmitz, quen xa foi acusado en moitas ocasións de fraude, malversación, conspiración e branqueo de capitais. Sobre a pregunta que se está a facer todo o mundo (por que agora?) o estudo sinala co dedo ás leis SOPA e PIPA, que permitiron pechar o portal web sen posibilidade de defensa. A opinión xeral entre os usuarios é de que cómpre buscar alternativas á descarga directa de ficheiros. A dos medios de comunicación inclínase máis cara ao contrario, cara os bos agoiros que este peche lle achega á industria discográfica maioritaria e de índole tradicional, tocada previamente de morte. Alén do que se conta no informe e como apunte persoal, non deixa de chamar a atención que non haxa máis consenso, a nivel xeral, á hora de buscar fórmulas intermedias que satisfagan máis a tódolos implicados, creadores, industria da música e do cinema, consumidores, internautas, etc.
Segundo se engade, dende o peche de MegaUpload, relativamente recente, rexistráronse unha serie de cambios importantes na Rede que afectan ao seu futuro, ou mellor dito, ao futuro da interrelación internautas-redes tal e como a coñecemos. Webs semellantes á pechada, podémolo ver ben claro, xa buliron para poñer a cancela, de xeito voluntario, e curarse en saúde, unha boa parte delas desligándose claramente de MegaUpload, como dicindo: eu non a coñezo de nada nin teño nada que ver.
Dado que Rapidshare, File Serve, File Sonic, CineTube e Series Yonkis están no punto de mira”, engádese, “agora búscanse alternativas para seguir vendo os contidos de balde, sendo a opción máis útil os programas P2P, tipo eMule, Ares ou BitTorrent”. Estes tres últimos servizos, para quen queira teimar nas prácticas de libre descarga, semellan, de feito, as opcións con máis viabilidade. Polo de agora.

PUBLICIDADE