As máis de 8.000 fichas de Patrimoniogalego.net incorporan xa modelos en 3D
venres, 11 de marzo do 2016
A
plataforma Patrimoniogalego.net,
o catálogo social da nosa riqueza inmóbel (amais de ser unha fronte
común para reivindicar a conservación do tesouro artístico
espallado polos nosos concellos: pazos, casas, cruceiros, fontes,
castelos, ingresas, capelas, etc), vén de dar un importante paso
adiante (tecnolóxico, de uso e de contido) coa incorporación ás
súas fichas de fotogrametrías 3D. Esta inclusión, informan os
responsábeis de Patrimoniogalego.net, é pioneira na nosa terra nun
acubillo en liño destas características.
O
resultado, máis en detalle, son
modelos dos bens culturais catalogados en tres dimensións e que
permiten a exploración virtual dos elementos inventariados. “Os
catalogadores”, engaden os impulsores da páxina, “dispoñen
agora dun campo opcional destinado á inclusión de réplicas
tridimensionais virtuais dos bens; así, xunto coa descrición
textual e fotográfica, as novas posibilidades tecnolóxicas ofrecen
a oportunidade de coñecer máis en profundidade un ben cultural e
mailo seu estado actual”.
Segundo
apuntan, a incorporación de modelos 3D a partir de fotogrametría é
“unha técnica en auxe de gran popularidade que posibilita
reproducir de maneira tridimensional calquera figura real a partir
dunha colección de fotografías”. O software empregado para tal
fin (hoxe en día case todo el de balde e sen licenzas pechadas)
deixa marxe aos catalogadores para elaboraren modelos e incorporalos
ás fichas co fin de obter “unha representación pormenorizada dos
mesmos”. O resultado de todo isto, de cara a nós os usuarios é o
privilexio de vermos as obras acubilladas en todos os seus detalles,
amais de podermos viralas en calquera sentido para velas dende o
ángulo que desexemos.
Entre
os bens rexistrados nos que xa é unha realidade a devandita
tecnoloxía atópanse (entre outros) o petróglifo
da Pedra da Serpe (na imaxe) e
a Pedrafita
de Lamilo de Arriba,
ambos en Boiro, os petróglifos de Boallo
e do Castriño
de Conxo,
en Vimianzo e en Santiago respectivamente, ou a Anta
de Abuíme,
no Saviñao. Segundo informan dende Patrimoniogalego.net, estes
exemplos da arte rupestre galega ou dos monumentos megalíticos
figuran entre os primeiros dos que se realizou unha réplica virtual,
aos que seguiran outros de distinta tipoloxía. “A idea”,
manifestan, “é que os catalogadores de patrimoniogalego.net se
animen de xeito progresivo a facer uso desta nova técnica á hora de
cubrir os distintos campos das fichas dos bens culturais”.