As microempresas galegas superan á media estatal en dispoñibilidade de telefonía móbil, páxina web e uso de redes sociais

luns, 22 de setembro do 2014 Redacción

No período 2013-2014, o uso das TIC nas microempresas galegas superou a media estatal en dispoñibilidade de telefonía móbil, páxina web, usos de redes sociais, así como na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet. Respecto ás empresas galegas de 10 ou máis empregados, todas dispoñen de banda larga.
Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2013/2014, publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).

Por riba da media en dispoñibilidade de web, móbil e uso de redes sociais

A porcentaxe de empresas con menos de 10 asalariados que dispoñen de telefonía móbil acada o 78,4%, superando a media estatal en case 2 puntos (76,5%). Un 33,1% das microempresas con conexión a Internet dispón de páxina web, un 17,8% máis que o ano anterior, superando a media estatal (28,7%) en 4,4 puntos, o que posiciona a Galicia na primeira posición no ranking por Comunidades Autónomas.
Resulta especialmente significativo o uso intensivo que as microempresas galegas realizan das redes sociais: o 35,4% empregan as redes sociais, superando a media estatal (31,8%) en 3,6 puntos, o que sitúa a Galicia na 4º posición no ranking estatal.
En relación ao uso de ordenador e Internet, un 65,4% das microempresas galegas dispón de ordenador, fronte ao 72,3% do Estado e o 62,6% dispón de conexión a Internet.
Entre as microempresas que contan con conexión a Internet, un 90,3% dispón de banda larga fixa e un 63,5% de banda larga móbil. A contratación de banda larga móbil medrou un 21,6% no último ano, o que permite achegarse a valores semellantes á media estatal (66,4%).
O mesmo comportamento obsérvase na interacción das microempresas galegas coas Administracións Públicas a través de Internet: a media galega sitúase nun 66,4% fronte ao 66,2% da media estatal.
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispón de ordenador (98,6%), conexión a Internet (97,6%) e banda larga (100%). Entre as empresas galegas con conexión a Internet, o 72,4 % accede á Rede a través de telefonía móbil de banda larga.
As tecnoloxías cloud están chamadas a xogar un papel moi destacado como forma de acceso a servizos TIC avanzados. Un 13,1% das empresas galegas de 10 e máis traballadores compraron algún servizo de cloud computing, principalmente coa finalidade de xestionar o correo electrónico e o almacenamento de arquivos.

PUBLICIDADE