As nosas empresas locen potencial innovador a prol do envellecemento activo

martes, 1 de decembro do 2015 Redacción

O Clúster da Saúde de Galicia celebrou onte unha xornada destinada a amosar e impulsar novos xeitos de favorecer unha vida saudábel para os nosos maiores (envellecemento activo). O encontro Inno Active Ageing (terceira edición) desenvolveuse nas instalacións da Fundación Ramón Domínguez, no Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS). Como lembraremos, o Clúster da Saúde ten entre os seus membros un importante feixe de empresas tecnolóxico-dixitais (Bahía Software, Balidea, Coremain, Everis, HP, Queres, SIVSA, Telefónica, Plexus, T-System, entre outras moitas). Tamén conta co apoio do centro tecnolóxico Gradiant, amais de CETIM e ANFACO. Segundo recordan, o obxectivo da xornada foi o de xuntar profesionais de diferentes ámbitos pero co nexo común do binomio saúde e innovación. E, tamén, co interese compartido de fortalecer a nosa industria con vistas a dar resposta a unha situación que vai a máis, especialmente en contornas coma a galega, falamos do proceso actual de envellecemento demográfico.
A xornada foi inaugurada polo conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña,quen sinalou que é “imprescindíbel” incluír o factor innovación nos servizos sanitarios, que precisan cada vez máis da incorporación de novas tecnoloxías que os impulsen, os melloren e os fagan máis rendíbeis, áxiles e sustentábeis. Tamén participou na apertura do encontro a presidenta do Clúster, María Gómez. Tralo acto de inauguración, desenvolvéronse dúas mesas plenarias. A primeira delas foi Clusterización empresarial como instrumento e motor de desenvolvemento económico na Rexión de Skane. Caso: Medicon Valley Center. Este relatorio veu da man de Maria Arhén, directora de Desenvolvemento de Negocio de Life Science no organismo Invest in Skane, en Suecia. A segunda sesión centrouse no caso INDESCAT (Cluster do Deporte de Catalunya). Ambas as intervencións focalizáronse nas claves destas contornas xeográficas concretas (Suecia e Catalunya) para acadar un proceso de clusterización de éxito, “xerando riqueza nas súas contornas”.
O resto da xornada completouse cun panel de casos de éxito en innovación e internacionalización cos exemplos das empresas Neuroathome, NasasBiotec e o proxecto Fogar Dixital. No primeiro caso, amosouse o funcionamento da plataforma Neuroathome que logra a motivación dos pacientes e completar os seus procesos de rehabilitación mediante técnicas de gamificación (procesos de adestramento e motivación inspirados polas características dos videoxogos). No segundo caso, NasasBiotec, trátase de unha empresa xurdida ao abeiro da USC (unha spin-off da Universidade de Santiago), que desenvolveu un sistema para interferir na diseminación das células tumorais circulantes, responsábeis das metástases, e que permite combatela. E no terceiro caso, o proxecto Fogar Dixital (SERGAS), fíxose saber que consiste nunha vivenda con infraestrutura, equipamentos e servizos que permite mellorar a autonomía e a calidade de vida da cidadanía en xeral e en particular das persoas con algún tipo de dependencia, como por exemplo o colectivo da terceira idade.
Para rematar expuxéronse na xornada os detalles da iniciativa Ecosistema de Saúde de Galicia, cuxo obxectivo é aumentar a competitividade empresarial e o afianzamento en novos mercados noso sector sanitario. Esta iniciativa vén da man do Clúster en colaboración con Sanidade, a Axencia Galega de Innovación e a rede internacional ECHALLiance.

PUBLICIDADE