As pautas que fan sinxelo e fluído un proxecto tecnolóxico, ao detalle nun novo curso de Vitae
xoves, 21 de marzo do 2019
Os
proxectos tecnolóxicos, ademais de ser de utilidade, ser innovadores
e estar ben desenvolvidos, deben ter o importante engadido extra de
converter en sinxelo e simple o que no papel é complexo. Ademais,
deben estar en todos os seus elementos ao servizo de quen os precisa.
Estas son as claves para o éxito dunha empresa TIC e de moitos
outros sectores, o elemento que deixa a porta aberta para o
recoñecemento e a excelencia. E, tamén, para futuras encargas. Para
axudarnos a dominar as técnicas que garanten que un proxecto vaia
vento en popa, Vitae Consultores vai organizar a
16 edición do seu Curso de Dirección e Xestión de Proxectos baixo
a Metodoloxía PMI 6.
A
nova edición do dito curso vaise celebrar na Coruña (Hotel Attica
21) os días 26 e 27 de abril e os días 10, 11, 24, 25 e 31 de maio.
O curso é válido para o exame de Certificación PMP do PMI. Serán
35 horas de sesións de adestramento teórico pero sobre todo
práctico.
Coma
nas anteriores edicións, a actividade formativa busca achegar aos
participantes ás metodoloxías que aseguren os mellores elementos de
acompañamento para un proxecto tecnolóxico: claridade,
organización, fluidez, seguridade, eficiencia, eficacia ou
sinxeleza.
Segundo
informa Vitae acerca da orixe e os obxectivos da actividade, esta
xurdiu na necesidade de pór en xogo pautas claras e aplicábeis no
que teoricamente (e tamén na práctica) resulta de gran
complexidade: o deseño e desenvolvemento dun proxecto relacionado
coas novas tecnoloxías e a innovación en xeral.
Sobre
este punto, a consultora lémbranos as condicións desfavorábeis
veñen por factores externos (crise económica, conflitos sociais,
cambios políticos, normas e regulamentos cada vez máis restritivos)
e tamén por condicionantes internos, por exemplo unha meirande
presión para o cumprimento de obxectivos, a procura constante dunha
meirande eficiencia (obter máis con menos elementos en xogo), a
limitación de recursos ou procura a tempo completo de novos mercados
e áreas de negocio.
Tendo en conta todo o que se acaba de
sinalar, explica Vitae, “os proxectos non só se volven máis
difíciles de levar a cabo, senón tamén máis incertos; sendo a
incerteza un factor que pode impactar de maneira moi negativa na
consecución do éxito dunha iniciativa empresarial, xa sexa
introducindo adiamentos, sobrecustes ou corrupción do alcance”, o
que nos obriga a ter en conta, ademais, “a desmotivación dos
membros da organización, a insatisfacción por parte dos clientes
así como o deterioro da imaxe externa da organización”.
Sexa
como sexa, as boas prácticas recoñecidas internacional para a
dirección de proxectos, axudan e moito. Por exemplo achegando un
meirande nivel de certeza, ao fornecer aos profesionais que
desempeñan o rol de directores de proxecto dunha visión máis ampla
sobre as iniciativas nas que traballan, precisa para entender como se
interrelacionan co resto da organización e axudar na consecución
dos obxectivos estratéxicos. Neste senso, Vitae engade que “a
certificación PMP acredita a persoas e xera impactos directos de
valor nas organizacións”, xa que a dirección eficaz e eficiente
de proxectos debe considerase como unha competencia estratéxica das
empresas, xa que lles permite competir de maneira máis rendíbel e
áxil nos seus mercados, sustentar á organización e responder ás
consecuencias dos cambios na contorna de negocio, “axudando a
cumprir os obxectos dos proxectos, a ser máis predicíbeis, a
optimizar o emprego de recursos da organización e, en xeral, a
actuar de maneira proactiva e non reactiva”.
Para quen non o
saiba, a PMI (Project Management Institute) é a organización máis
recoñecida a nivel internacional na disciplina da dirección de
proxectos. Está integrada por máis de 600.000 profesionais de todo
o mundo, expertos na xestión de iniciativas, con independencia do
tamaño e complexidade das mesmas, en múltiples sectores
industriais. Vitae recorda que “as boas prácticas aplicadas e
postas en marcha polo PMI son coñecidas, recoñecidas e avaladas por
milleiros de profesionais ao longo dunha chea de anos en miles de
traballos de todos os ámbitos”.
En termos máis concretos, o
PMI acredita aos profesionais na dirección de proxectos co
certificado PMP (Project Management Professional), o cal goza dun
alto recoñecemento, identificando a quen o posúe como profesional
altamente cualificado e demandando, na medida en que aporta un
coñecemento moi detallado para a dirección de iniciativas,
anticipando problemas, xestionando proactivamente a incertidume e
aumentado as probabilidades de éxito nos proxectos.
A persoa
encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real,
licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de
ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do
Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de
iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste
ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de
xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de
adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas,
formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión
avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone,
Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de
Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.