PuntoGal

O noso boletín por e-mail conta xa con 2.886 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

As pezas gañadoras en convocatorias previas de Curtas na Rede, de ruta

xoves 2 de xullo do 2009, por Fernando Sarasqueta | | Compartir en Tuenti | Compartir |

O concurso Curtas na Rede está a afianzar a súa vertente móbil: non só se trata de que poidamos ver as pezas presentadas a través de Internet, é que nos saen tamén ao paso se visitamos os Telecentros de Comunicación que a Secretaría de Medios, organizadora do certame, ten espallados pola nosa xeografía. Malia non estar pechado ao cen por cen o programa de todo o verán, si que podemos ir adiantado certas localizacións onde haberá cine miúdo e, a pesar de non ser profesional, sobradamente estimulante. Por certo que o que se vai poder ver son as obras gañadoras nas tres últimas convocatorias de Curtas na Rede. Así, os xoves 2 e 9 de xullo, A tarde máis curta (así se chama esta iniciativa móbil previa á resolución da convocatoria 2009) chegará aos Telecentros de Verín, Betanzos e Chantada. Os días 16, 23 e 30, a iniciativa recalará nos espazos de acceso de Sarria, O Barco, Catoira e Vedra. Nas xornadas do 16, o 23 e o 28, farao en Oroso.
O horario, nun principio (pode haber variacións por celebrase outras actividades ou por dar acubillo á maior cantidade de público posible), é o seguinte: ás 20 horas darán comezo as proxeccións en todos os Telecentros devanditos e nas xornadas sinaladas.
A Tarde máis curta é unha iniciativa inserida dentro da campaña Comunícate, dirixida pola Secretaría Xeral cara a unha máis ampla promoción da dita rede de accesos. Por certo que as persoas interesadas en participar nesta edición en curso de Curtas na Rede, 2009, disporán de todo tipo de facilidades no tecido de Telecentros, non só nos intres dedicados ás proxeccións.
Polo que respecta á natureza mesma destes enclaves de conexión á Rede, dicir que se trata de espazos que dispoñen de material informática, equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (actividades formativas, encontros, videoconferencias, presentacións audiovisuais) dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira levar a cabo.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68

 RSS