As publicacións dixitais pasarán a ter un IVE do 4% en España

mércores, 7 de decembro do 2016 Marcus Fernández

O Kindle non está pensado só para a lectura de e-books, senón que tamén ten dispoñible a subscripción a distintos xornaisO pasado 1 de decembro a Comisión Europea acordou novas normas fiscais para apoiar o comercio electrónico e en liña na Unión Europea, entre as que destacan «unhas mesmas normas de tributación para os libros electrónicos, os xornais en liña e os seus equivalentes en papel», ou sexa, que unha vez aprobada por todos os Estados membros unha nova estrutura permitirá axustar os tipos das publicacións electrónicas ás das publicacións impresas, aínda que non será obrigatorio que se faga. Deste xeito poríase fin a unha grande reclamación do sector cultural dos últimos anos, que vía inxusto que mentres as publicacións en papel tiñan un tipo reducido de IVE, as súas versións dixitais tiñan un tipo xeral.
Quedaba por saber se España sería un dos países que se acollería á nova norma, e finalmente o ministro de Economía, Luis de Guindos, confirmou que o Goberno reducirá o IVE de prensa e libros dixitais do 21% ao 4%, aínda que non detallou cando entraría en vigor a rebaixa de impostos. O que si asegurou é que a baixada do IVE produciríase de vez e non de xeito gradual.
En calquera caso cómpre lembrar que, aínda que a tributación entre soportes físicos e electrónicos se equipare, continúan a ser moitas as diferenzas entre ambos, xa que os libros físicos son produtos, mentres que os libros electrónicos compórtanse como servizos.

PUBLICIDADE