As tecnoloxías e a innovación, alicerce dos 36 proxectos que participarán en Pont-Up Store

venres, 29 de xullo do 2016 Redacción

Pontevedra acollerá os días 23 e 24 de setembro a terceira edición de Pont-Up Store, unha iniciativa organizada pola Universidade de Vigo e o Concello que se dirixe a impulsar e visualizar ante o mundo o puxante emprendemento da nosa terra. A organización escolleu 36 proxectos de España e Portugal para ter presenza na carpa que se instalará os ditos días na Praza de España. Preto dun 70% das candidaturas teñen base en Galicia e menos dun terzo na cidade de Pontevedra, habendo tamén presenza de candidatos de Braga, Madrid e Xixón. Segundo informan os impulsores da iniciativa, entre as propostas escolmadas hai “unha ampla presenza de empresas de alicerce tecnolóxico”.
Dos 36 proxectos, 33 contarán cun emprazamento propio de balde para amosar os seus produtos, ideas e servizos e 14 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades de dinamización, desenvolvendo propostas como obradoiros sobre recursos para pequenos emprendedores ou sobre como facer unha tenda online nunha hora sen coñecementos previos.
Tamén haberá, entre outras moitas cousas, montaxes de automóbiles en equipo, demostracións de robótica, xogos de probas mediante a aplicación Dogoplay, presentación de discos ou programas de radio en directo. Igualmente, está prevista unha sesión de adestramento executivo para emprendedores de economía social e xeiras de traballo sobre gamificación, un maratón creativo e un taller de impresión 3D e gravado láser.
Nesta edición preséntase, tamén, unha nova modalidade de participación baixo a etiqueta de Puntazo Exprés, que nace a partir da experiencia do programa Pontevedra Ten un Puntazo da Concellaría de Promoción de Pontevedra. Esta modalidade abrirá o seu prazo de candidaturas entre o 1 e o 15 de setembro e ofrecerá a dez novos emprendementos a oportunidade de presentar a súa idea de negocio ante cinco importantes entidades e grandes empresas galegas de diferentes sectores.

PUBLICIDADE