As universidades galegas póñense na vangarda dos campus que máis apostan polo software libre a nivel estatal

mércores, 15 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

PortalProgramas.com vén de publicar o segundo Ranking de Universidades en Software Libre (RuSL, 2013), unha clasificación que entre outras cousas sérvenos para coñecer os datos actuais sobre as institucións educativas superiores que máis apoian e contribúen á difusión dos programas abertos, en que aspectos de software libre salienta cada universidade ou que factores inflúen en que se faga emprego deste tipo de recursos en cada campus. Pois ben, semella que as universidades galegas volven obter, logo da primeira edición do estudo, unha moi boa posición na actualización desta listaxe estatal. Deste xeito, a Universidade da Coruña sitúase no terceiro posto, seguida da de Santiago (no sexto) e a de Vigo (no noveno).
Sinalar que través do ranking analizouse o traballo das 76 universidades españolas. Para iso, botouse man de 67 criterios e diferentes índices estatísticos, nos que traballou un grupo específico de expertos e colaborou, tamén, Segundo Píriz, presidente da sectorial CRUE-TIC e reitor da Universidade de Estremadura. Tamén participaron o Centro Nacional de referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CENATIC), o Centro de Apoio Tecnolóxico a Emprendedores Bilib e algunhas universidades españolas. En xeral, sinálase, apréciase unha evolución positiva na gran maioría das institucións educativas na súa aposta polo coñecemento aberto. Como dixemos, a gañadora foi a Universidade de Granada, seguida da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria en segunda posición e a Universidade da Coruña en terceira. Segundo engade o portal, “por comunidades as Illas Canarias foi a que obtivo a maior puntuación e a segunda e terceira posición ocúpana, respectivamente, Galicia e Aragón”.
Esta listaxe amosa información sobre os puntos fortes e febles de cada universidade e a súa evolución respecto ao ano pasado para que as propias institucións poidan coñecelos, mellorar neses aspectos e colaborar entre elas. Segundo se informa, “o ascenso de postos non só da Universidade da Coruña, senón tamén das de Santiago de Compostela e Vigo, converten a Galicia na segunda autonomía con maior compromiso pola difusión do software libre nas súas institucións educativas superiores”.

PUBLICIDADE