As vantaxes da mobilidade para todos os nosos sectores, polo miúdo este mércores no CDTIC

luns, 23 de novembro do 2015 Redacción

O Clúster TIC Galicia e AMTEGA teñen preparada para este mércores 25 unha completa xornada sobre as cousas que poden facer por nós as tecnoloxías en mobilidade. A cita será no Centro Demostrador TIC de Santiago e desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: SmartPEME, PEME móbil e conectada. O número de prazas é limitado, polo que para asistir é preciso inscribirse a través da páxina web do CDTIC, informa a organización. Segundo informan AMTEGA e o Clúster, o encontro ten como obxectivo achegar un emprazamento onde se xunten as nosas empresas, sexan do sector que sexan, para reflexionar conxuntamente “sobre unha realidade ineludíbel”: este que vivimos é o intre de levar ao tecido produtivo “o que xa é normal nas rúas”.
Durante a xornada daranse a coñecer os beneficios que a mobilidade achega ás empresas, sobre todo os relacionados coa produtividade destas, na relación cos clientes ou nos procesos de fabricación e produción. Asemade, o encontro busca ser un escaparate para que PEME galegas “coñezan de primeira man provedores TIC que poidan converterse nos seus aliados tecnolóxicos no seu proceso de transformación dixital e de adaptación á mobilidade empresarial”.
No marco da xornada presentarase o Catálogo de solucións TIC en mobilidade, elaborado pola AMTEGA e o Clúster TIC de Galicia, no que se inclúe “unha mostra representativa da tecnoloxía en mobilidade ofertada en Galicia”. A través deste catálogo, accesíbel tamén desde a páxina web do CDTIC, as empresas “poderán localizar de xeito doado e por múltiples criterios de busca aquelas solucións en mobilidade que máis acaidas sexan aos seus negocios, así como identificar os provedores tecnolóxicos que llelas fornezan”.

PUBLICIDADE