As vantaxes do crowdfunding, polo miúdo este xoves no Pazo de Mariñán

mércores, 1 de outubro do 2014 Redacción

Este xoves 2 de outubro, a partir das 12:00 horas, o Pazo de Mariñán (Bergondo) acollerá a xornada Crowdfunding ou a arte de innovar cooperando, organizada pola Factoría de Innovación da Coruña co obxectivo de dar a coñecer as metodoloxías de mecenado colectivo e cooperación en liña que están a permitir a emprendedores e PEME acceder a recursos económicos a través de Internet. O encontro, de especial interese para quen teña entre mans unha iniciativa innovadora de mercado e queira acadar financiamento, comeza arredor do medio cunha sesión de introdución ás vantaxes da técnica do crowdfunding, a cargo de Diego Calvo, da Factoría da Innovación da Coruña.
A continuación falará Fernando Prieto, co-fundador de Start Your Business Consulting, que avaliará as novas fórmulas que achegan as redes para acadarmos apoio orzamentario. A partir das 13.45 está prevista unha exposición de casos prácticos na que participarán Alicia e María Jover (socias de Natural Healing) e Ramón Corujo (director de I+D de Otro Enfoque).
Lembrar por último que a participación nesta sesión, así como en todas as actividades organizadas pola Factoría de Innovación da Coruña, é de balde. Os interesados deben realizar a súa inscrición a través da páxina web da Factoría ou enviando un correo electrónico a fdi_acoruna@eoi.es

PUBLICIDADE