As vendas do Apple Watch poderían estar a caer a grande velocidade

martes, 7 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Vendas do Apple Watch estimadas por Splice Intelligence

Aínda que o Apple Watch aínda é un produto que vén de chegar ao mercado español, e aínda non completou a súa distribución internacional, un estudo de mercado estadounidense desvela que as vendas do dispositivo caeron un 90% dende a súa semana de lanzamento, ou sexa, que pasaría de vender 1,5 millóns de unidades no seu lanzamento americano a unha media de 200.000 unidades segundo publica Slice Intelligence, compañía californiana que sostén que as vendas caerían das 20.000 unidades diarias nos EE.UU., chegando en momentos puntuais a baixar incluso das 10.000 unidades, o que podería facer que as previsións de vendas do dispositivo, pese a ser moi boas, estarían moi lonxe do que moitos analistas proxectaron hai meses.
Tamén detallan que as dúas terceiras partes dos reloxos de Apple vendidos serían a versión Sport, a máis económica (parte dos 349 dólares nos EE.UU.), e tamén desbotarían as previsións iniciais de que os modelos de ouro, con prezos de 10.000 dólares (ou máis), puidesen chegar a supor unha importante proporción da facturación do novo accesorio, pois estiman que nos EE.UU. vendéronse menos de 2.000 unidades do Apple Watch Edition.
Polo momento Apple non dá datos oficiais sobre as vendas, polo que as estimacións de Slice non podemos dalas por boas, pero de corresponderse coa realidade, sería un toque de atención tanto para investidores como para outros axentes da industria da electrónica de consumo que estean a depositar demasiada confianza na emerxencia dos wearables, pois aínda que son produtos que case poderiamos considerar como inevitables, aínda non se coñecen os formatos e usos que serán os que imperen no futuro.

PUBLICIDADE