Assassin’s Creed III está a bater records en reservas

venres, 30 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Connor non tomará partido por ningún bando da Revolución Estadounidense, senón que os enfrontamentos só serán circunstanciais (os seus inimigos seguen a ser os templarios)

Aínda que falta bastante para que o 30 de outubro chegue ás tendas o xogo Assassin’s Creed III, Ubisoft anunciou que este título está a superar todas as marcas de reservas anteriores e, aínda que non desvelan os datos exactos, comentan que nas 3 semanas nas que pode encargarse o xogo nos EE.UU. superou a Assassin’s Creed: La Hermandad en todos os meses previos ao seu lanzamento e multiplicou por 10 as acadadas por Assassin’s Creed: Revelations no mesmo período de tempo.
Paralelamente no blog oficial de PlayStation publican unha entrevista co director creativo do xogo, Alex Hutchinson, quen adianta moitos detalles sobre a nova desta importante saga, coma o feito de que o protagonista, ao ser un nativo americano, non toma partido na guerra entre casacas vermellas e patriotas, senón que conserva o tradicional enfrontamento entre assassins e templarios, de xeito que a Revolución Estadounidense só será o escenario deste novo capítulo, non tendo que participar activamente no seu desenvolvemento o assassin protagonista (a historia comeza antes da revolución e continúa despois da mesma).

O protagonista de Assassin’s Creed III poderá empregar 2 armas a un tempo

Hutchinson tamén asegura que o sistema de combate do xogo renovouse completamente, permitindo que o protagonista poida empregar varias armas á vez, con movementos que poden lembrar á película El Último Mohicano e moito equipamento novo, como corresponde ao cambio de situación que ten esta historia con respectos aos títulos precedentes.
Parece así que o feito de saltar na numeración de Assassin’s Creed está máis que xustificado, ofrecendo un título realmente novo, que agradecerán os seareiros dunha das principais franquías da actual xeración.

Que o xogo estea protagonizado por un nativo americano foi unha firme aposta dos seus desenvolvedores, que están a coidar moito tal aspecto

PUBLICIDADE