Asus presenta un mini-ordenador con Chrome OS

martes, 4 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que o sistema operativo de Google para equipos informáticos ía dirixido principalmente a equipos informáticos, LG demostrou co seu Chromebase que era unha solución atinada para o escritorio, e agora é Asus a compañía que percorre a mesma liña co seu Chromebox, un equipo de pequeno tamaño (12,4 x 12,4 x 4,2 centímetros) que aínda que poida lembrarnos ao un Mac mini, é moito máis pequeno e barato (partirá dun prezo de 179 dólares) o que non lle resta versatilidade, senón todo o contrario, pois estamos ante un ordenador ideal para montar na parte traseira dun monitor ou para empregar no televisor do salón.
Este pequeno ordenador con Chrome OS está orientado á Internet, incluíndo 100 Gb de espazo en Google Drive (para almacenar os nosos documentos) de balde (durante 2 anos), ten conectividade Gigabit Ethernet e Wi-Fi N de dobre banda, 4 portos USB 3.0, conexións HDMI e DisplayPort para conectalo a monitores ou televisores de alta definición (podendo facer uso incluso de dúas pantallas ás vez) e un lector de tarxetas SD (para facilitar o acceso a fotografías e documentos).
Pero pese a estarmos ante un mini-ordenador, presume de ser capaz de soportar contidos multimedia de ultra alta definición (4K), polo que serviría para que os posuidores dun televisor de tal abraiante resolución poidan tirar proveito da mesma mentres navegan pola web, visualizan fotografías e reproducen películas e series de servizos en liña como Netflix (que será dos primeiros en subir ao carro dos 4K).
Estamos ante un produto moi interesante, por gozar dun tempo de inicio case instantáneo e estar libre de malware, elementos que poderían axudar a popularizalo en contornos educativos e de empresa, pero que terá que superar as reticencias do público a sistemas operativos orientados á nube para poder popularizarse.

PUBLICIDADE