Até 150 congresistas pasaron polas xornadas Cidades Dixitais organizadas por CONETIC en Santiago

xoves, 23 de abril do 2015 Redacción

Finalmente as iniciativas galegas en materia de Smart Cities tiveron un escaparate de primeira liña (un escaparate transoceánico) na terceira edición do Congreso Cidades Dixitais, organizado en Compostela por CONETIC co apoio da asociación Ineo, clausurado este mércores logo de ter pasado polas súas sesións máis de 150 congresistas, 29 relatores expertos no catro temáticas vertebrais do evento: accesibilidade, seguridade, transporte e refugallos. Segundo informa a devandita confederación estatal, o evento tamén acubillou a presentación de seis casos de éxito e, a maiores, dez cidades de ámbalas beiras do Atlántico deron a coñecer as súas iniciativas smart para os vindeiros meses, entre as que se contaron Valencia, Ourense, Bilbao, Santiago de Compostela, A Coruña, Tijuana ou Medellín, amais da eurocidade galego-lusa Verín-Chaves. Os relatorios foron retransmitidos vía videoconferencia (rexistráronse máis de 1.000 accesos de IP diferentes).
Segundo engade CONETIC, durante os dous días nos que se celebrou o encontro amosáronse as futuras tendencias do sector TIC, “converténdose Santiago en centro de debate sobre as posibilidades de desenvolvemento das cidades grazas á aplicación da tecnoloxía, así como a oportunidade de negocio que ofrecen as novas Cidades Dixitais para as empresas do sector”.
Durante a primeira xornada, logo das presentacións de Jorge Cebreiros e Víctor Calvo Sotelo, o congreso ofreceu un panel financeiro no que tanto o Instituto de Crédito Oficial, ICO, como o CDTI puideron expor as súas fórmulas de apoio ao investimento empresarial. Tamén se contou coa participación do Banco para o Desenvolvemento de América Latina, que nomeou e salientou as empresas que participan na execución dos seus proxectos de impulso socioeconómico de América Latina.
Na primeira mesa de debate analizouse o transporte intelixente de persoas e mercadorías. Os relatores destacaron que “debe haber unha cultura onde a participación cidadá teña relevancia e poidan ser tamén creadores de solucións sobre transporte en base ás súas necesidades reais”. Elkir Echeverri, director de Prospectiva de Ruta N de Medellín sinalou que “unha cidade ten un transporte intelixente non cando todo o mundo ten automóbiles se non cando toda a poboación incluídas as rendas altas, utilizan o transporte público; con iso ademais conseguiremos que o transporte sexa sustentábel”.
Durante a segunda mesa de debate (sobre accesibilidade nas cidades e os fogares), os relatores lembraron ás administracións que a poboación non pode ser discriminada polo lugar onde vive ou porque sexan cidadáns con limitacións físicas ou sensoriais. “Hai que ter en conta aos cidadáns na súa diversidade e a día de hoxe as oportunidades de expresión dos cidadáns son moi escasas e atopámonos con servizos intelixentes que son inaccesíbeis para unha parte da cidadanía”, recordouse.
Na terceira mesa de debate (seguridade na Smarts Cities) os relatores explicaron que “a seguridade é algo transversal a calquera tecnoloxía”. E engadiron: “O reto na seguridade é acadar sinerxías absolutas entre os axentes públicos e privados”. Segundo fixeron saber, “os gobernos teñen que tomar medidas para concienciar e educar á poboación nos riscos de seguridade aos que se enfrontan para elevar a súa protección e activar medidas de seguridade”.
Na última mesa de debate (xestión e reaproveitamento de refugallos), os participantes coincidiron en salientar que a intelixencia ambiental (smart enviroment) abre espazos de oportunidade para a aplicación das tecnoloxías en entre áreas como a responsabilidade social empresarial (podendo aplicar tecnoloxías de gamificación para xerar hábitos nas persoas e organizacións), a normalización e a lexislación (facendo máis doado o seguimento dos residuos) e no ciclo de vida dos refugallos (construíndo produtos ecolóxicos en toda a súa vida útil).

PUBLICIDADE