AtlantTIC amosa tecnoloxías de seu para rendibilizar a pesca e o marisqueo

martes, 23 de setembro do 2014 Redacción

Co gallo de crear un sistema de transferencia tecnolóxica entre centros e PEME no Espazo Atlántico nace STAMAR, un proxecto no que participan nove socios dos diferentes estados participantes no programa: Reino Unido, Irlanda, Francia, Portugal e España. O dito proxecto -que conta cun orzamento total de 1.341.881,82 euros- celebraba hai un par de semanas a súa primeira reunión, que tiña lugar en Santiago de Compostela. Á dita xuntanza acudían AtlantTIC e varios centros de investigación, tecnolóxicos e empresas con experiencia no sector marítimo, co obxecto de xerar máis competitividade e capacidade de innovación das PEME do sector. AtlanTIC presentou algunhas das liñas nas que está a traballar arestora cun meirande potencial de transferencia para as empresas deste tecido.
Liñas como a da teledetección ambiental, que permite, por exemplo, detectar residuos de verteduras mariñas soterrados nas praias ou facer un seguimento dos cultivos marisqueiros. Asemade, outra liña de traballo é a visión artificial, aplicábel na pesca, na acuicultura e na transformación de materia prima nun produto elaborado como latas de atún ou pauciños de peixe. Esta tecnoloxía desenvolvida no centro xa está en marcha e incorporada á industria para o seu uso en aplicacións como a clasificación de capturas, discriminación de ovas ou cálculo e detección temperá de crías.
Por último, dicir que STAMAR nace como resposta á necesidade de perfilar nas rexións do Espazo Atlántico un sistema de transferencia que funcione con eficacia e eficiencia e que conduza a uns resultados satisfactorios tendo en conta as particularidades das PEME que operan en mercados locais. Con este proxecto europeo preténdese mellorar a competitividade e a capacidade de innovación das PEME do sector marítimo do Espazo Atlántico, favorecendo os procesos de transferencia tecnolóxica a través da creación dun centro transnacional demostrador das capacidades e tecnoloxías aplicables á industria marítima onde se inclúan empresas e centros tecnolóxicos, amais de ampliar a carteira de solucións tecnolóxicas ás que as PEME do sector do mar poidan acceder.

PUBLICIDADE