BBVA recoñece a OpSeeker como a mellor startup da nosa terra no ámbito fintech
xoves, 11 de maio do 2017
A
novena edición do BBVA
Open Talent, o certame da entidade financeira que se dirixe a
atopar as máis puxantes iniciativas empresariais do ámbito fintech
(ou sexa, do ámbito de aqueles servizos financeiros que se serven
das novas tecnoloxías para facilitar o día a día do cliente), vén
de premiar a OpSeeker como a
mellor startup do sector en Galicia, nunha competición
celebrada onte en Vigo. A gañadora, unha proposta empresarial que se
adica á planificación financeira en liña, obtivo un recoñecemento
de 1.000 euros e a posibilidade de participar na final do certame,
que se celebrará no Centro de Innovación de BBVA no mes de xuño.
Este concurso global estase a complementar con seis edicións por
comunidades, entre as que se insire a competición galega que se
resolveu en Vigo.
O
xurado estaba integrado por Rosa Eguizábal, directora de Promoción
Económica no Consorcio da Zona Franca de Vigo; Lalo García,
director de Conector Galicia; Pedro Núñez, director xeral de Vigo
Activo; Ana de Prado, responsábel de Marketing de Kaleido Ideas &
Logistic; e Miguel Escánez, de BBVA Open Innovation.
O
director de Zona de BBVA en Galicia Sur, Marcos Fernández, foi o
encargado de entregar o premio á startup gañadora e comentou
que as iniciativas tan innovadoras como OpSeeker están a xerar “un
gran valor engadido na economía galega”.
OpSeeker
é unha empresa constituída en Santiago de Compostela en xullo de
2016. Dous dos seus catro fundadores son naturais da capital galega,
outro de Madrid e outra da República Checa. Gonzalo Camiña,
director executivo da nova firma, asegurou que “estamos a crear
unha nova maneira de planificar as finanzas, onde non se tentan
vender produtos, senón que os vehículos de investimento son os que
de verdade precisan os usuarios”.
Segundo
informa o BBVA, os gañadores xa lograran previamente a cuarta praza
no concurso de bitácoras na categoría de mellor blogue do sector
financeiro e foron seleccionados polo ICEX e Rede.es para participar
no 4YFN do Mobile World Congress de Barcelona.
Na
final de Madrid elixirase a un gañador estatal, que participará en
Finnosummit, que se celebrará en Cidade de México no mes de
setembro. As mellores iniciativas de cada país participante (oito de
América Latina, unha por parte de España e outra por parte de
Turquía) participarán neste evento de dous días, onde realizarán
unha presentación-adestramento e terán a axuda dun mentor de BBVA.
O gañador desta competición internacional logrará un premio de
30.000 euros, unha semana de encontros en Madrid con áreas e
executivos do banco e a posibilidade de participar no BBVA Global
Summit.