Bahía Software logra a xestión da imaxe médica dixital dun dos maiores hospitais de Chile

luns, 29 de xaneiro do 2018 Redacción

A compañía galega Bahía Software, con sede en Santiago, vén de resultar elixida para o servizo de soporte e mantemento integral do sistema de imaxe médica dixital e interoperabilidade de aplicacións do Novo Hospital de Antofagasta, un dos complexos médicos máis grandes e importantes de Chile. Con este novo contrato, a empresa galega TIC consolida definitivamente a súa presenza en Latinoamérica e envorca alén do Atlántico a súa experiencia en solucións innovadoras en imaxe médica dixital (unha experiencia materializada a través da súa colaboración cos servizos públicos de saúde de tres Comunidades Autónomas e da xestión de seis millóns de estudos anuais de probas diagnósticas baseadas na imaxe).
Segundo informan fontes de Bahía, o proxecto en Chile supón “o cumprimento dun dos principais fitos do plan de expansión da empresa galega en Latinoamérica”, un plan que fixa unha facturación de ao redor de 950.000 euros para os vindeiros 15 anos.
Nun plano máis detallado, o novo proxecto implica que a compañía galega xestione a imaxe médica do novo Hospital de Antofagasta, que cun investimento de 300 millóns de dólares e unha superficie total de 130.000 m2, convértese nunha das maiores infraestruturas hospitalarias do país. Para facernos unha idea da súa importancia, deste complexo médico beneficiaranse unhas 500.000 persoas. O hospital será ademais o centro de referencia para a macrozona norte de Chile e conta con 671 camas, 16 quirófanos, 6 paritorios e 79 salas para consultas externas.
Como dixemos, a experiencia de Bahía neste ámbito é longa no tempo. A día de hoxe, de feito, máis dun centenar de centros hospitalarios públicos e privados españois contan con algún dos seus servizos desenvolvidos especificamente para o sector sanitario, como a xestión da interoperabilidade de aplicacións sanitarias. Estas solucións tecnolóxicas están xa funcionando en grandes corporacións como o Grupo Quirónsalud, que segundo lembra a empresa galega é o grupo sanitario máis grande de Europa. Bahía, ademais, tamén achega xestión de imaxe médica en centros de Galicia, Aragón, Cantabria e en diversas institucións españolas de ámbito privado. Máis de 7.500 usuarios, dos cales 600 son radiólogos, benefícianse dos sistemas de imaxe médica dixital xestionados pola compañía.

PUBLICIDADE