Bahía abrirá en Santander o seu primeiro centro de desenvolvemento de software fóra de Galicia

luns, 17 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A compañía galega Bahía Software está dar importantes pasos en excelencia e crecemento. Á moi recente estrea das novas instalacións no polígono de Milladoiro, un innovador e referencial espazo de traballo nos lofts da rúa das Hedras, cómpre engadir agora a vindeira apertura en Santander do que sería o seu primeiro Centro de Desenvolvemento de Software fóra de Galicia. Esta nova sede sumarase ás ditas dependencias e máis ás de Ourense e A Coruña. Polo que se refire ao negocio da compañía, tamén achega boas novas: a empresa consolidouse no mercado estatal cunha previsión de medre do 30% este ano.
O Centro de Desenvolvemento de Software de Bahía na capital cántabra contará cun equipo de traballo formado por entre 6 e 10 profesionais. En palabras do socio-director, da firma galega, Gustavo Martín, “despois de máis de 10 anos de actividade continuada na Comunidade, queremos apostar polo extraordinario talento que hai en Cantabria e que esta nova oficina se convirta, a curto prazo, nunha nova factoría de desenvolvemento e I+D+i no norte de España”.
Polo que se refire ao negocio xerado en 2018, a compañía prevé pechar ano, como dixemos, cun medre do 30 %, acadando os 8 millóns de euros de facturación. Estas cifras positivas veñen por, entre outras cousas, o fortalecemento da súa presenza en clientes de banca, retail e loxística, ademais da súa liña de desenvolvemento, soporte e mantemento integral de sistemas de información de aplicacións sanitarias, que levou a Bahía a operar para máis de 100 centros hospitalarios públicos e privados españois, así como a xestionar a imaxe médica dos sistemas públicos de saúde de Cantabria, Galicia e Aragón.
Ao devandito cómpre engadir o despregue en 2018 de novas solucións propias, que son, en palabras da empresa galega, “produto do investimento en I+D+i por un importe duns 4 millóns de euros nos últimos 5 anos”. Trátase de tecnoloxías como o Sistema de Xestión de Tumores ou o Sistema Avanzado para a Planificación e Xestión do Bloque Cirúrxico.

PUBLICIDADE