Bahía afianza o seu proceso de medre e inaugura instalacións en Ourense

luns, 9 de outubro do 2017 Redacción

A empresa TIC Bahía Software inaugurou o pasado 29 de setembro unha nova sede de seu na cidade de Ourense, a engadir á que xa tiña previamente en Santiago de Compostela, onde están situadas as oficinas centrais da firma. A apertura das novas dependencias son froito do proceso de espallamento no que está mergullado Bahía, tanto no que se refire a liñas de traballo despregadas como no que atinxe ao número de traballadores, que se duplicou nos últimos catro anos e que xa chegou á cifra de 160. Como consecuencia deste medre de Bahía, as oficinas centrais de Compostela tamén serán obxecto de ampliación ao longo do ano vindeiro. A renovación das instalacións, tanto nunha coma noutra cidade, responde o interese de “mellorar o espazo onde desenvolven o seu labor os profesionais que conforman o persoal”.
Segundo informan fontes da empresa galega de novas tecnoloxías, esta rexistrou un crecemento sostido no tempo en canto a proxectos e clientes durante os últimos anos. Este incremento produciuse tanto no sector público como no privado, cun fortalecemento especial nas áreas de negocio intelixente, mobilidade e Investigación e Desenvolvemento (I+D), con “importantes proxectos innovadores”, segundo explican dende Bahía, engadindo que esta “aposta decidida polo talento” supuxo que o persoal duplicase o seu número nos últimos 4 anos, “de forma que na actualidade está integrada por 160 traballadores, sumadas a oficina central de Santiago e a de Ourense”. A estimación de Bahía Software é que esa tendencia se consolide no que resta de ano e o vindeiro 2018.
Respecto das instalacións de Ourense, as novas oficinas diríxense a amplificar ao máximo unha actividade sostida na cidade das Burgas que xa se remonta (fisicamente, con presenza propia) a 2015, ano no que Bahía contaba alí con 10 empregados. Na actualidade, o persoal ascende a 30 profesionais e a previsión é crear a medio prazo outros 30 postos de traballo máis. As oficinas teñen unha superficie de 250 metros cadros e están situadas na céntrica praza de Santa Eufemia.

PUBLICIDADE