Baía presenta unha guía dixital de árbores para os nosos móbiles

venres, 16 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

O camiño de Baía Edicións nas novas tecnoloxías segue a dar froitos, vindo a palabra “froitos” moi a conto para o que imos contar. Se hai pouco falamos dende esta mes web da incorporación á súa páxina de ferramentas que nos permiten botarlle un ollo ao miolo dos seus libros, agora toca facelo de móbiles e de coñecemento do noso medioambiente, todo mesturado e ben servido da man de Baía. Estamos a falar dunha nova aplicación, posta en marcha pola editorial, para o sistema operativo Android, software libre para os móbiles, que nos permite ter no noso aparello a primeira guía dixital de árbores editada no ámbito da Península, segundo informan os responsábeis da mesma.
Este desenvolvemento, por certo, é unha adaptación para Android da obra Árbores, da colección As 50 especies máis comúns, tamén publicada en papel. Con isto, informa Baia, teremos ao alcance da nosa man, e nunca mellor dito, todo tipo de recursos para achegármonos á media centena de especies de árbores máis comúns da zona de Europa Occidental, en calquera época do ano. Inclúense, con este obxectivo de divulgación accesíbel, textos e máis as ilustracións das súas follas, flores e froitos, da cortiza e da feitura externa xeral ao longo das distintas estacións, datos de abondo, sinala a editorial, para axudarnos a recoñecelas en canto as vexamos diante. A guía de árbores, engade, “permitirannos descubrir moitas cousas sobre os seus usos e máis os beneficios que nos proporcionan”.
O manexo da guía-aplicación é ben sinxelo. A través do acceso a sucesivos menús onde se nos amosan polo miúdo as distintas características (feitura da folla, da copa, da unión entre follas...) das especies mediante unha serie de debuxos esquemáticos, estásenos a capacitar para a correcta identificación das diferentes árbores da nosa contorna.
A maiores, informan os autores deste desenvolvemento, tamén será posíbel procurar un tipo de vexetal determinado polo seu nome e consultar toda a información relativa ao mesmo. Resumindo, teremos tres posibilidades de busca:
· Coa opción guía de identificación de especies, que funciona como un buscador.
· Como especie, opción moi práctica se cres saber de que especie se trata, pois accedes directamente á súa descrición detallada e ilustrada.
· Como libro, onde ademais da descrición das especies, se nos proporcionan orientacións para saber como son as árbores, o seu importante papel no ecosistema e como observalos respectando a natureza.
Estas e outras características deixarán ao usuario do aplicativo-guía en situación de saír ao monte e recoñecer sen problema as árbores, recoñecendo as súas características e coa comodidade que representa ir acompañado dun guía que se carrexa no móbil, “e sen que sexa preciso cargar cunha morea de libros en papel”, infórmase.
Por certo que en breve, estarán a disposición dos usuarios os seguintes produtos: unha aplicación para computador persoal e outra para móbiles con Java.
O concepto de guía”, engade a editorial, “adquire aquí o seu verdadeiro sentido, pos a busca vaite guiando na forma correcta de observar, axudando amais á sistematización, tan importante para coñecer a natureza, o que lle confire gran valor pedagóxico para iniciarse na observación das árbores”.

Os autores
Henrique Niño Ricoi, autor de diversas guías de divulgación do medio natural galego, é o responsable do texto, no que buscou a linguaxe doada y comprensible sen perder o rigor científico necesario en obras destas características. Calros Silvar, ilustrador e divulgador plástico da natureza de amplo prestixio, é o autor das ilustracións a toda cor que perseguen unha identificación rápida e exacta dos distintos elementos que levarán ao recoñecemento da especie observada.

PUBLICIDADE