Balidea, Nordesía e Situm queren revolucionar con tecnoloxía móbil o noso xeito de acudir a eventos culturais

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Fernando Sarasketa

O consorcio galego formado polas empresas Balidea, Nordesía Produccións e Situm Technologies presentou hoxe en Santiago as liñas xerais dunha tecnoloxía que promete revolucionar o ámbito das feiras e os eventos culturais e o noso xeito de participar nelas, amplificando, mellorando e facendo máis doada a nosa experiencia a través dunha aplicación concreta e dos nosos teléfonos móbiles. Estamos a falar do proxecto TOURAL (siglas para Tecnoloxías Orientadas á Ubicación, Realidade Aumentada e Lincaxe para feiras, recintos e eventos culturais), cuxa cerna e orixe está na tecnoloxía de posicionamento e localización para interiores de Situm e na colaboración con Balidea para integrala nos hospitais do SERGAS. A idea, agora, é darlle unha viraxe a esta colaboración Balidea-Situm co fin de impulsar a súa viabilidade en todo tipo de acontecementos, dende feiras a congresos, pasando por concertos e actividades culturais.
Este é o alicerce de TOURAL, un proxecto que colle o seu nome da palabra que na nosa lingua designa ao emprazamento onde se vende por tradición o gando: as xuntanzas que son en boa medida a antesala de todos os nosos eventos multitudinarios actuais. Aí, neste punto de sacar a tecnoloxía de Situm dos hospitais e levala ás feiras é onde entra en xogo a terceira pata da mesa de TOURAL: a produtora Nordesía. A cuarta pata sería a firma tamén galega S-REC.
Entre os obxectivos do proxecto atópanse os seguintes: fomentar a interacción cos asistentes dunha feira, incrementar a promoción de produtor, permitir os pagos co móbil, optimizar publicidade, achegar servizos de localización dentro e fóra do emprazamento dunha xuntanza, fornecer cadros de mando dunha xuntanza, permitir a localización de persoas ou cousas dentro dunha feira, favorecer as citas entre profesionais, personalizar a nosa axenda co fin de afinar puntería no que a relatorios e presentacións se refire, posibilitar visitas aos stands mediante o uso de tecnoloxías de realidade aumentada, etc.
Na presentación celebrada hoxe na sede de Balidea en Santiago interviñeron Carlos Segade Domínguez, director de Servizos BPO de Balidea; Raquel Toja Gómez, xefa de proxecto; Rocío Castro, responsábel de comunicación de Nordesía; Vitor Álvarez, director executivo de Situm Technologies; e Juan Martín, socio da start-up S-REC. Todos eles salientaron como marca diferencial do proxecto “o seu localizador de activos”, a través do cal a aplicación identificará e recomendará de forma personalizada aqueles contactos profesionais, expositores ou eventos do programa de interese para cada usuario da ferramenta en función do seu sector de actividade, ámbito de negocio e misión nese encontro.
Segundo fixeron saber, TOURAL xorde co mellor dos agoiros e xa está prevista a súa integración en eventos concretos. Como por exemplo en WOMEX (The World Music Expo), que celebrou a súa última edición en Santiago de Compostela o pasado mes de outubro, e cuxos impulsores xa amosaron interese polo proxecto e puxeron de manifesto a importancia deste tipo de ferramentas (de feito a feira WOMEX serviu como toma de contacto con profesionais do sector cultural e permitiu realizar un primeiro test sobre o enfoque da plataforma con diferentes axentes internacionais).
O devandito consorcio galego estima “un elevado impacto socio-económico do proxecto, grazas ao seu alto potencial internacional, cunha xeración de 6 novos empregos durante o seu desenvolvemento e ao redor de 22 trala súa implantación e posta en marcha”. O orzamento global de TOURAL ascende a 670.000 € e está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, que á súa vez conta con cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (FEDER, OT1 “Promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación e unha investigación de calidade”, P.O. FEDER GALICIA 2014-2020).

PUBLICIDADE