Balidea celebrou en familia os seus 15 anos de andaina
martes, 5 de decembro do 2017
A firma
compostelá Balidea, un dos nosos máximos referentes TIC (por
produtos, por innovación, por presenza en mercados), festexou o
pasado venres os seus 15 anos de traxectoria no sector
tecnolóxico-dixital galego. O encontro, celebrado no Pazo do
Faramello (Rois), xuntou a práctica totalidade dos/as 180
profesionais que conforman a empresa, procedentes da sede compostelá
e das sedes de Bilbao, A Coruña, Ourense e Vigo. O director xeral de
Balidea, Lorenzo Rodríguez, lembrou o camiño percorrido pola
compañía: “Nestes 15 anos conseguimos grandes logros dos que
temos que estar orgullosos. Non sempre foi doado, pero creo que
podemos mirar con orgullo todo o traballo feito”.
Asemade, Lorenzo Rodríguez salientou as
importantes contribucións da súa equipa humana: “Balidea é unha
empresa creada coa finalidade de prover solucións de calidade e para
iso tiñamos claro que precisabamos dos mellores profesionais”. Na
celebración rendéuselles homenaxe aos 15 empregados e empregadas
máis veteranos/as coa entrega dun detalle conmemorativo.
Fitos, achados e plans de futuro
Balidea comezou o seu percorrido en xuño de 2002
como software factory coa finalidade de incorporar as
tecnoloxías da información ao ámbito da administración pública,
no que se especializou. Hoxe é unha empresa de servizos TI que
ofrece software e, ademais, consultoría e desenvolvemento, I+D+i,
soporte e infraestruturas de telecomunicacións. A empresa de
Santiago, como temos sinalado en múltiples ocasións dende Código
Cero, non só ten presenza en Galicia, senón tamén en Euskadi, en
Cataluña, en Dinamarca e no Reino Unido.
Segundo sinala a propia compañía con motivo da
celebración dos seus tres lustros de andaina, a súa aposta cara ao
futuro artéllase en tres eixes: a potenciación da innovación, para
crear produto; a continuación da internacionalización, iniciada en
Europa en 2013; e a ampliación do seu enfoque ao sector privado, no
que xa incrementou a súa presenza, de xeito que actualmente
constitúe o 30 % da súa facturación.
Nestes anos, Balidea levou a cabo proxectos con
diversos clientes, en varios sectores (con especial fincapé na
saúde) e en distintas comunidades autónomas, como Galicia,
Asturias, Cantabria, Aragón, Madrid, Andalucía e Baleares.
No eido internacional, a empresa destaca os
proxectos efectuados para a Axencia Danesa de Enerxía, a European
Fisheries Control Agency (EFCA) da Comisión Europea ou as Nacións
Unidas (ONU); Balidea é dunha das escasas compañías españolas
provedora de servizos TIC para esta organización.
- Lorenzo Rodríguez, director xeral de Balidea
Froito dos proxectos de Balidea, desenvólvense
aplicacións e plataformas coma PREBENCAR, para a prevención de
problemas cardiovasculares; UnderstAID, para a prestación de
asistencia a persoas que coidan de pacientes con demencia senil; a
Rede de Escolas na Nube, para compartir experiencias e materiais
entre centros; Energystyrelsen, para efectuar o cálculo do
investimento, o custo e o aforro enerxético dos sistemas de
calefacción eficientes; ou SIGUE, para facilitar a localización en
interiores de pacientes en espazos hospitalarios.
A incorporación máis recente a esta carteira de
produtos é ADESTRapp, unha tecnoloxía para a análise en tempo real
de vídeo deportivo en competición e adestramento que se está a
utilizar por parte de equipos de máximo nivel, coma o Atlético de
Madrid, o Celta de Vigo, o RC Deportivo, o PSG, o Málaga ou o
Obradoiro, e en ligas da Arxentina, México, Dinamarca, Dubái ou
China.