Battlefield Hardline amplía a súa beta unha semana

mércores, 18 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Na pasada edición do E3 iniciouse a beta pechada do modo multi-xogador de Battlefield Hardline nas súas versións para PlayStation 4 e PC (o resto de plataformas terían unha versión de proba diferente máis adiante), e para continuar a aproveitar a boa resposta que está a ter esta fase de desenvolvemento do xogo, anuncian hoxe que ampliarán unha semana a beta do xogo de xeito que continuarán a aceptar inscricións na beta até o vindeiro domingo, permanecendo a beta aberta até o xoves 26 de xuño.
Os usuarios de PC tamén recibiron nas últimas horas outra magnífica nova, como é o feito de que a inscrición á beta do xogo vén de eliminar as súas listaxes de espera, de xeito que o acceso á versión de proba de Battlefield Hardline é instantáneo.
O xogo chegará ao mercado o vindeiro 21 de outubro, e os que proben a súa beta e consigan superar certos retos (como activar a funcionalidade de compartir en Facebook ou superar o nivel 10) poderán gozar de recompensas no xogo final.


Trailer do multi-xogador de Battlefield Hardline

PUBLICIDADE