Bemus: nova plataforma galega para facer máis eficaz a xestión empresarial

venres, 4 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

A firma galega Sinapsys, con sede en Vigo, está a presentar estes días unha ferramenta de xestión propia de seu dirixida a favorecer o manexo e o control dos datos da maneira máis áxil, cómoda, eficaz e segura posible. Falamos da plataforma Bemus.eu, a xuízo de Sinapsys unha alternativa viable para reducir ao máximo todo o que de burocrático e de tramitativo se dá nos procesos de xestión e de control da organización. Dáse ademais a casualidade de que Bemus.eu é un engadido subvencionable para as empresas galegas, tal como se sinala nas bases da convocatoria de subvencións a proxectos que o IGAPE vén de publicar, proxectos (por outra banda) dirixidos a mellorar a organización interna da produción, a relación cos clientes ou as cuestións medioambientais.
Segundo informa a empresa Sinapsys, Bemus ten unha carteira de clientes potenciais que practicamente abrangue todo o noso sistema produtivo: organizacións de calquera tipo ou sector que teñan implantado ou vaian implantar sistemas de calidade, de medio ambiente ou de prevención de riscos laborais.
Trátase dunha plataforma informática do seu tempo, que a xuízo dos responsables da dita firma viguesa, foi froito dun exame pormenorizado das esixencias que o mercado global, en boa medida dixitalizado, lles presenta ás empresas de hoxe, sexan do tamaño que sexan. Estas serían polo tanto algunhas das súas funcionalidades: cadro de mando de indicadores, xestor de fluxos de traballo para automatizar procesos, xestor de e-mail, xestor documental, axenda, xestor de clientes (CRM) e comercial, de calidade, de medio ambiente e prevención, de proxectos, de facturación, de contabilidade, etc.
Entre as vantaxes que achega, pon en xogo as devanditas (axilidade na tramitación e nos procesos) e outras como por exemplo a escalabilidade, a flexibilidade (pódese adaptar ás características propias de calquera empresa), a facilidade de manexo (permítelle o uso a calquera traballador, con independencia do seu coñecemento informático) e máis o potencial de integración (dá marxe para un manexo conxunto e ligado con aplicacións existentes de xestión). “Bemus posibilita dispor en tempo real de información da xestión da empresa dende calquera ordenador con conexión a Internet”, sinala a firma responsable da súa posta en marcha, ao que engade: “achegando todo o preciso para abranguer as funcións de xestión operativa de calquera empresa, dende a promoción e as compras até cuestións de almacenaxe, facturación e contabilidade”.

PUBLICIDADE