Betabeers Galicia completou a súa XIII edición instando aos desenvolvedores a emprender

venres, 6 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración primeira edición de Smart Weekend, LAN party que colle o relevo da histórica Arroutada Party no Coliseum da Coruña, desenvolveuse unha nova edición de Betabeers Galicia na cidade herculina, onde Esteban Vázquez e Antonio Varela (socios fundadores de Tesla Technologies & Software) impartiron un interesante relatorio técnico sobre o desenvolvemento de interfaces adaptables con HTML5, CSS3 e JavaScript, ao que seguiron as presentacións dun par de interesantes proxectos galegos: Avelino Correa deu conta da súa ferramenta CreAPPcuentos e Fátima Andrade explicou a súa experiencia de creación do marketplace con código aberto Saborplace. Completou a xornada Diego Fernández Meijide, correspondente de Galicia Open Future, que explicou a oportunidade se supón participar na iniciativa para emprendedores na que participan Telefónica e a Administración autonómica co apoio de Barrabés Internet.

Interfaces adaptables

O relatorio principal desta XIII edición de Betabeers foi de grande interese para desenvolvedores de aplicacións móbiles e web presentes, pois abordou o reto de conseguir unha boa presentación da información de aplicacións en distintos dispositivos (ordenadores, smartphones, televisores conectados, pantallas táctiles...) para o que as tecnoloxías web están a consolidarse como o camiño tecnolóxico máis empregado para tal fin. Esteban Váquez insistiu en que optar por HTML5, CSS3 e JavaScript no desenvolvemento de aplicacións para varias plataformas non só é unha boa opción para a creación de aplicacións, senón que pode supor un importante aforro no seu mantemento, elemento que moitas veces se obvia á hora de elixir plataforma de desenvolvemento.

Proxectos

As iniciativas galegas que explicaron o seu desenvolvemento tamén resultaron de grande interese. CreAPPcuentos é un dos proxectos que está a acadar máis recoñecementos na nosa comunidade nos últimos meses grazas ao enorme potencial que ten esta ferramenta que permite crear contos interactivos dende tablets, o que resulta de grande utilidade para fomentar a imaxinación dos cativos e a interacción cos pais, pero estes logros poden non ser suficientes para poder conseguir financiamento, de aí que Avelino Correa quixese compartir con outros desenvolvedores o seu caso, e os atrancos que está a atopar para progresar no seu proxecto.

Saborplace, pola súa banda, serviu de exemplo de creación dunha tenda en liña baseándose en Prestashop, unha das solucións tecnolóxicas de comercio electrónico de código aberto máis empregada a nivel mundial hoxe en día, comentando tamén outras plataformas alternativas e algunhas das súas eivas.

Galicia Open Future

Ante a inminencia da data de peche da recepción de candidaturas para participar en Galicia Open Future, o seu correspondente, Diego Fernández Meijide, animou aos desenvolvedores a presentar os seus proxectos, á vez que detallou as achegas económicas e en recursos doutro tipo (asesoría, instalacións físicas, mentorización...) que esta iniciativa inclúe, e que poden converterse no catalizador para que unha empresa poida avanzar cara ao seu éxito.

PUBLICIDADE