Betanzos disporá este ano da rede de fibra óptica de Telefónica
mércores, 18 de maio do 2016
O Concello
de Betanzos anunciou os días pasados que o termo municipal
contará este ano con tecnoloxía de rede de fibra óptica na
meirande parte do territorio. Máis polo miúdo, a operadora
Telefónica iniciará no mes de agosto a instalación da dita
infraestrutura tecnolóxica, precisa para fornecer acceso avanzado de
banda larga. Segundo fixo saber o alcalde, Ramón García Vázquez,
os traballos prolongaranse até decembro deste mesmo ano. Así llo
comunicaron os responsábeis da compañía de telecomunicacións en
Galicia, encabezados pola directora rexional Marta Menéndez
Martínez.
O despregue
tecnolóxico, fixo saber o alcalde, cobre un importante obxectivo do
Goberno local, o de fornecer os máis avanzados recursos de acceso ás
redes, demandados por boa parte da poboación de Betanzos. “A
fibra”, engadiu o rexedor, “cubrirá a maior parte do municipio
chegando tanto a vivendas como a locais”. Previamente, ao comezo do
despregue, realizarase por parte de persoal técnico de Telefónica
de España un anteproxecto do deseño da rede e as zonas a cubrir de
maneira paulatina. “A achega da fibra realizarase a través de
cables de gran capacidade que se irán ramificando en cables menores
a medida que se achegan aos domicilios dos potenciais clientes”,
engadiu o Concello, reflectindo informacións da empresa.
Outra das
particularidades é que as actuacións levaranse a cabo aproveitando
principalmente as canalizacións soterradas xa existentes. “De
maneira excepcional, onde non existan estas canles subterráneas,
aproveitaranse os tendidos aéreos por postes ou trazados por
fachadas, en función das características construtivas da área a
cubrir”, engadiu o rexedor, apuntando que o investimento previsto
supera o millón de euros.